VIGO | 23/07/2016 | Actualizada ás 11:37 por EUROPA PRESS
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, enviou unha carta ao Concello de Vigo na que lle traslada a necesidade de manter unha reunión, o antes posible, para pechar definitivamente a colaboración para a mellora do servizo municipal de autobús a Peinador.
Na misiva enviada este sábado dende a Xunta á Casa do concello maniféstase a disposición do Goberno galego para traballar conxuntamente para articular esta colaboración, segundo informou o departamento autonómico nun comunicado.
E é que o Executivo autonómico destacou o seu "máximo interese" por materializar "o antes posible unha solución a esta demanda dos vigueses" coa intención de "blindar un servizo eficaz que mellore o existente e poida ser implantado antes de que finalice o ano".
Conforme subliñou a Xunta, nesta liña de cooperación impulsada polo Goberno galego, mantivéronse xa diversas reunións ao longo do ano e analizáronse diferentes propostas entre os representantes da Concellaría de Transportes do municipio e da Dirección Xeral de Mobilidade.
A Consellería recordou que, tras recibir a documentación por parte do Concello, se pediu o pasado 28 de xuño a celebración dun novo encontro para acelerar a toma de decisións para implantar o servizo. Con todo, lamentou que, a día de hoxe, "non tivo lugar esta reunión".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.