SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2016 | Actualizada ás 19:12 por EUROPA PRESS
Os xornalistas Marta Darriba e Kiko Novoa serán os moderadores do debate electoral do próximo luns, que contará cun "dispositivo inédito" na CRTVG que o retransmitirá simultaneamente pola televisión e radio públicas galegas.
Por primeira vez, o enfrontamento entre os candidatos á Presidencia da Xunta (coa presenza dos cabezas de lista de PPdeG, PSdeG, BNG, En Marea e Cidadáns) será retransmitido en linguaxe de signos a través da TVG2 --a segunda canle da Televisión de Galicia--. A emisión será en diferido a partir das 22,30 horas.
Os encargados de moderar o debate serán a directora e presentadora do espazo informativo da TVG 'Bos Días', Marta Darriba, e o director e presentador do magacine matutino da Radio Galega 'Galicia por Diante', Kiko Novoa.
A PARTIR DAS 21,30 HORAS
O debate, que terá lugar nun estudo de gravación que contará cunha posta en escena "especialmente deseñada" para este programa, dará comezo ás 21,30 horas, tras unha edición reducida do Telexornal, e terá unha duración de dúas horas.
As condicións do encontro foron acordadas polos representantes das cinco forzas políticas. Deste xeito, Feijóo (PPdeG), Leiceaga (PSdeG), Pontón (BNG), Villares (En Marea) e Losada (Cidadáns) permanecerán de pé fronte a uns atrís que formarán un semicírculo.
O debate estruturarase en cinco bloques temáticos de 20 minutos de duración: economía e emprego, sectores produtivos, políticas de benestar, rexeneración democrática e modelo institucional.
"DISPOSITIVO ÚNICO"
Segundo informou o ente público, a CRTVG despregará un "dispositivo único", no que traballarán ao redor de 200 profesionais durante as seis horas de programación acerca do debate.
A cobertura iniciarase na TVG ás 19,00 horas cunha edición especial do programa Área Pública, presentado por Susana López, no que participarán os xornalistas José Luis Jiménez, Mapi Egea, José Luis Gómez e Alfonso Ribeiro. Este programa tomará a testemuña na programación da TVG á celebración do debate, cunha análise sobre o acontecido e as valoracións dos candidatos ao termo do enfrontamento.
En canto á Radio Galega, Xavier Ares moderará un faladoiro político que tamén se emitirá antes e despois do debate, coa presenza do exdeputado do PP Manolo Pérez Álvarez, o presidente do Círculo de Empresarios de Galicia, Javier Rodríguez Valenzuela, o politólogo Xesús Vegay a xornalista María Martínez Val.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.