Non está nada decidido

Malia que todas as enquisas publicadas a sete días das eleccións nacionais galegas outórganlle ao PP a maioría absoluta, na banda de entre 38 e 41 escanos, o xogo electoral segue aberto e hai partido. As enquisas coinciden todas cun nível de voto ao PP entre o 43% e o 46,7%, polo que unha meirande mobilización das xeracións novas e intermedias podería producir remudas importantes, na liña das eleccións nacionais do 2005, cando Fraga perdeu a maioría absoluta ou das recentes eleccións estatais de decembro 2015.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 19/09/2016

Comparte esta noticia

Porén, baten as principais forzas da oposición co relativo descoñecemento dos seus candidatos e candidatas fronte ao xeral coñecemento de Núñez Feijóo. Velaí que as posibilidades reais de alternativa pasen pola non agresión entre as forzas galeguistas e progresistas, pola mobilización da metade da sociedade galega que vota contra o PP e por uns resultados de C´s no limiar dos escanos, mais sen obtelos, pouco por debaixo do 5% en cada unha das catro circunscricións.

  O pacto de non agresión entre as forzas progresistas vai indo, en liñas xerais. Porén, máis incerta é a mobilización  dese 57,2% da enquisa do CIS que quere “outro ou outros partidos distintos do PP” no Goberno da Xunta, malia que semelle ser posíbel. Por outra banda, as enquisas anuncian que C´s si lle vai roubar uns milleiros de votos ao PP que non lle darán doadamente para escano.

Indubidábelmente existe unha maioría social que perdeu co PP e con Núñez Feijóo estes sete anos e medio. Que perdeu cos graves recurtes en sanidade, dependencia e educación, coa suba do desemprego do 12% ao 17,7% e coa redución das rendas salariais. Que viu emigrar milleiros de rapaces e rapazas ben estudados. Que sofriu unha política desleixada, cando non agresiva a respecto dos mexilloeiros, produtores do cerco, gandeiros e sector naval.

  Velaí a necesidade dunha remuda na gobernanza deste País. Os partidos que poden darlle a alternativa ao PP (que contará de certo cos escanos de C´s no caso de quitalos) non están a prometer a lúa e os seus candidatos e candidata semellan persoas honestas e competentes. Unha coalición que substitúa o goberno de Feijoo non será o caos nin vai matar ninguén. Pola contra, pode ser o comezo para un programa de goberno a catro anos que revirta o mal camiño polo que Núñez Feijóo leva a Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.