Campus Terra, as taxas universitarias “máis baratas” de España

A Deputación Provincial de Lugo e a Universidade de Santiago seguen impulsando o plan de achegas para financiar o 50% do custe da matrícula aos estudantes que formalicen a súa inscrición en 10 dos 18 títulos desta sede universitaria luguesa.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 19/09/2016 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

O Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC), no campus de Lugo, é garantía de “máxima calidade” académica e científica, ao tempo que presenta as taxas de matrícula máis baratas de todo o panorama universitario español, grazas ao plan de achegas impulsado pola Deputación Provincial de Lugo e a USC. Este programa a prol do campus lugués financia o 50% do custe da matrícula aos estudantes que formalicen a súa inscrición en dez dos 18 títulos de grao impartidos no Campus Terra, xusto os que ofertan prazas de novo ingreso nos tres últimos prazos de matrícula (21-23 de setembro, 11-14 outubro e 19-21 outubro) para o curso 2016-2017.

Fariñas, Campos, Bueno, Méndez, Santos e Gómez, na presentación da campaña 'Para estudar Lugo'
Fariñas, Campos, Bueno, Méndez, Santos e Gómez, na presentación da campaña 'Para estudar Lugo' | Fonte: USC.

“O Campus Terra da USC é a sede universitaria española que ten as taxas de matrícula de novo ingreso máis baratas de toda a universidade española”, asegurou este luns o presidente da Deputación Provincial de Lugo. Darío Campos fixo estas declaracións nun acto de presentación da campaña 'Para estudar Lugo' desenvolvido na Vicerreitoría de Coordinación da sede universitaria luguesa e no que tamén participaron a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; o vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Álvaro Santos, e o vicerreitor da USC Javier Bueno Lema, ademais dos estudantes do Grao en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC Laura Fariñas Rodríguez, Mario Gómez Novo e Iago Gallo Marcos, beneficiarios das bolsas de matrícula financiadas pola Deputación Provincial de Lugo.

“Esta aposta estratéxica promovida pola USC e a Deputación Provincial de Lugo para frear a perda de alumnado por mor dos efectos da crise demográfica xa posibilitou un sensible incremento da matrícula de novo ingreso nos cursos 2014-2015 e 2015-2016”, dixo Campos. O presidente da Deputación manifestou asemade o seu desexo de que esta tendencia positiva volva a ser unha realidade unha vez rematados os prazos de matrícula universitaria para o actual exercicio académico”.

O estudantado que nos tres próximos prazos de matrícula formalice a súa inscrición no Campus Terra da USC en calquera dos títulos de grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, Enxeñaría Civil, Enxeñaría en Xeomática e Topografía, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria ou en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, así como nos graos en Lingua e Literatura Españolas, Ciencias da Cultura e Difusión Cultural, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Administración e Dirección de Empresas, e Xestión de Pequenas e Medianas Empresas, aínda pode beneficiarse das bolsas do 50% da matrícula contempladas no programa 'Para estudar Lugo', dixo o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo.

Javier Bueno sinalou asemade que sete títulos de grao impartidos no Campus Terra da USC (Veterinaria, Enfermaría, Nutrición e Dietética, Mestre en Educación Infantil, Mestre en Educación Primaria, así como os dobres graos de Mestre en Educación Infantil e Primaria e en Enxeñaría Agrícola, Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural) xa teñen cuberta ao 100% a súa oferta de prazas de novo ingreso.

Alén de cuestións estatísticas sobre cifras de alumnado, Bueno fixo fincapé no fortalecemento da imaxe de Lugo como cidade universitaria, un feito obxectivo, dixo, que vén corroborado polo crecente número de programas da Universidade de Verán da USC que teñen lugar na cidade e noutras localizacións da provincia, así como polo cada vez maior número de congresos e reunións científicas que teñen como sede este campus. Basta citar o XII Congreso da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica, que se celebra esta semana, ou as citas internacionais sobre migracións e refuxio en Europa e sobre novas perspectivas sobre a cidade romana que se celebrarán en outubro na Facultade de Humanidades.

O cometido do campus universitario de Lugo como elemento de dinamización, social, cultural e económica da cidade centrou o argumento da intervención da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen logo de destacar as múltiples virtudes da sede universitaria luguesa, tamén destacou as vantaxes que ofrece a cidade e a sociedade luguesa para os mozos e mozas que conforman o colectivo universitario, informa a USC.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta