Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/09/2016 | Actualizada ás 23:08
A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, celebrou o resultado da súa formación nos comicios autonómicos, nos que se fixo con seis deputados, como un "punto de inflexión" para a alternativa nacionalista.
"Desmontamos as enquisas e demostramos a fortaleza dunha organización que leva 30 anos traballando cunha base sólida neste país", manifestou.
Con todo, recoñeceu que o resultado non é aquel polo que traballan, xa que aspiraban a conseguir unha "alternativa de cambio".
Ana Pontón compareceu ante os medios sobre as 23,00 horas deste domingo unha vez escrutado o 98%, que outorga un total de 117.647 votos ao Bloque e seis deputados.
Así, a formación frentista só cede un escano con respecto aos comicios autonómicos de 2012, nos que se fixo con sete.
Manteń o grupo parlamentario
Con máis do 98% escrutado, o Bloque obtén 6 deputados con máis de 117.000 votos e o 8,3% dos votos. Nas eleccións de 2012, o Bloque obtivo 7 deputados e 146.000 sufraxios (10,1%). Estamos pois ante un leve descenso respecto a uns resultados que hai 4 anos a propia fonte cualificou como malos.
Con todo, cómpre ter en conta de onde ven o Bloque. Nas eleccións xerais de xullo a fronte non logrou superar o 5% en ningunha provincia. Na dirección e na militancia do BNG estendeuse o temor de que, de repetirse a desfeita, non sacarían nin un só escano nas autonómicas. Unha hecatombe non vista na historia do nacionalismo na autonomía.
As enquisas da precampaña calmaron algo os ánimos. Os nacionalistas sumaban na maioría dos estudos entre 2 e 4 deputados. A presenza no Pazo do Hórreo parecía garantida, pero non así o grupo parlamentar, para o que se precisan 5 representantes.
Os seis escanos logrados, aínda que só sexan 5, no caso de que baile un representante co pouco que queda por recontar, garante ese grupo parlamentar, vital para a maltreita economía da fronte. E o que é máis importante, supón a constatación de que o BNG ten unha base de electorado fiel, polo menos nas autonómicas, que vai seguir confiando neles incluso cando todo o mundo sabe que son outros os que van liderar a oposición ao PP.
Outro motivo de optimismo é o bo papel de Ana Pontón como referente electoral. A nacionalista demostrou estar moito máis fogueada que os candidatos da marea e do PSdeG durante o debate co PSdeG. Un “efecto Pontón” que a fronte tratou de acrecentar nas redes sociais na recta final da campaña.
Polo de agora a fronte non fixo unha valoración oficial. Con todo, o secretario xeral xa presumiu de que "daban ao Bloque por morto pero o efecto Ana Pontón e o traballo foi moi relevante". As declaracións de Bieito Lobeira na Radio Galega coinciden no estado de ánimo de moitos dos seus militantes.
Preocupados porque Feijóo repite e o BNG retrocede, aínda que sexa só un pouco, pero tamén con medio sorriso porque aqueles que os querían enterrar non lograron o seu obxectivo.
E tamén optimistas porque o resultado das mareas, incapaces de derrubar a Feijóo ou de superar claramente ao PSdeG, pode provocar convulsións no partido instrumental e así, abrir a porta a que os nacionalistas recuperen os electores que se lles marcharon canda Xosé Manuel Beiras.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.