Un estudo galego identifica un xen clave para o uso seguro de células nai con fins terapéuticos

O traballo foi desenvolvido polo investigador Miguel Fidalgo, responsable do Grupo Stem Cells & Human Diseases do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/09/2016 | Actualizada ás 13:35

Comparte esta noticia

Un estudo desenvolvido na Universidade de Santiago de Compostela (USC) mostra novas vías para regular os distintos estados das células nai, contribuíndo así á optimización de métodos que permitan o seu uso seguro no ámbito clínico. O traballo desenvolvido polo investigador Miguel Fidalgo, responsable do Grupo Stem Cells & Human Diseases (Células Nai & Enfermidade en Humanos) do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), acaba de ser publicado na revista Cell Stem Cell, informa a USC.

Miguel Fidalgo (segundo pola esquerda), xunto ao seu equipo nos laboratorios do CiMUS
Miguel Fidalgo (segundo pola esquerda), xunto ao seu equipo nos laboratorios do CiMUS | Fonte: Andrés Ruiz.

O estudo demostra por primeira vez como un novo factor (denominado Zfp281) desempeña un rol esencial no control químico do material xenético sen alterar a súa secuencia, resultando decisivo no momento no que unha célula nai decide dar o paso dun estado naive a outro primed. A proteína localizada revelouse así capaz de regular sutilmente no ADN a función oposta de dous enzimas clave (coñecidas como Tet1 e Tet2), que presentan importantes funcións coñecidas na transformación tumoroxénica cando se atopan desreguladas. 

As células nai pluripotentes son un tipo celular único, xa que dan lugar a todos e cada un dos distintos tipos celulares que conforman un organismo adulto. Trátase dun grupo de células moi concreto que conta coa capacidade de propagarse de forma ilimitada, o que o converte nunha fonte de material inesgotable en multitude de aplicacións, desde os aspectos máis básicos ata o seu posible uso con fins terapéuticos. 

Con todo, e malia o seu enorme potencial en biomedicina, os científicos foron ata agora moi cautos ante a posibilidade de empregalas no ámbito clínico, debido principalmente ao risco que entraña o seu uso ante a posibilidade de desenvolver tumores. Unha cautela que, non obstante, ten avivado a curiosidade entre a comunidade científica nos últimos anos, sendo numerosas as liñas de investigación abertas para profundar no coñecemento destas células tan singulares. 

O esforzo colectivo permitiu aos investigadores avanzar significativamente no coñecemento dos mecanismos moleculares que gobernan a pluripotencia. Así, describiuse que cando este tipo de células son cultivadas en modelos animais baseados en roedores existen dous estados pluripotenciais: un máis primixenio ou ‘plástico’ e outro destinado a proporcionar unha orixe celular concreta.

Lamentablemente, o proceso de obtención de células humanas ex vivo (é dicir, á marxe dun organismo vivo) con características similares ás naive atopadas en ratos non se puido culminar con éxito polo de agora, a pesar dos enormes esforzos dedicados pola comunidade científica nos últimos anos.

Agora, o traballo de Fidalgo desenmascarou a existencia dun patrón de expresión único –unha sorte de pegada dixital, conservada ao longo da evolución en especies como o rato e a raza humana– que permitiu atopar novos factores á hora de decidir se unha célula nai é máis ‘plástica’ ou se, pola contra, está determinada a participar nun estadio máis avanzado do crecemento. 

Os resultados deste traballo abren a porta ao desenvolvemento de novas estratexias na procura do ansiado estado pluripotencial naive en células nai humanas, o que suporía, entre outras cousas, unha enorme vantaxe á hora de corrixir danos no xenoma ou facilitar a modelización dunha determinada enfermidade na busca dunha cura

Segundo afirma Fidalgo, primeiro autor do traballo, “ese sería o noso Santo Grial, o gran paso que nos permitiría avanzar cara o obxectivo último”. Para o investigador, “o máis importante é lograr que estas células sexan seguras, para facer posible a súa utilización na clínica e poder ao fin desenvolver o enorme potencial terapéutico que albergan”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta