O Museo do Prado acollerá a primeira exposición do Mestre Mateo fóra de Galicia

Serán as primeiras esculturas graníticas que albergue a pinacoteca madrileña e colocaranse no "corazón do museo", cuxo director o cualifica como "un acontecemento histórico e extraordinario".

Por E.P. | Madrid | 05/10/2016 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

O Museo do Prado, en Madrid, albergará, dende o 29 de novembro ao 26 de febreiro, a primeira mostra do Mestre Mateo que se expón fóra de Galicia. "É un acontecemento histórico e extraordinario", en palabras do director do museo, Miguel Zugaza, no que se poderá coñecer unha decena de obras "dun adiantado ao seu tempo".

Dúas das esculturas do Mestre Mateo que se expoñerán no Museo del Prado
Dúas das esculturas do Mestre Mateo que se expoñerán no Museo del Prado | Fonte: Europa Press.

En concreto, a exposición mostrará dez esculturas do Mestre Mateo, reunidas por primeira vez dende a súa desaparición da fachada mateana do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago, e un pergameo asinado por Fernando II no que concede ao arquitecto, pintor e escultor unha pensión vitalicia a cambio de facerse cargo da dirección das obras de conclusión do templo.

Seis das esculturas, ademais do pergameo, atópanse na Catedral de Santiago; outras dúas exhíbense no Museo de Pontevedra e dous máis obran en poder da familia Franco-Polo e atópanse na Casa Cornide, na cidade da Coruña.

Estas "excelentes" pezas serán expostas nun espazo "moi especial" da pinacoteca estatal, tal e como confirmou o seu director, pois se colocarán no "corazón do museo". Neste marco, explicou, poderase "interpretar ben" a "extraordinaria" obra dunha "personalidade tan importante" e que é "difícil" de coñecer sen acudir directamente á capital de Galicia.

A mostra monográfica, que permitirá difundir internacionalmente a obra do Mestre Mateo, realiza un completo percorrido polo traballo do artista na Catedral de Santiago dende 1168, cando asumiu a dirección de obra, ata 1211, o ano en que o arcebispo Pedro Muñiz consagrou o templo nunha cerimonia presidida polo rei Alfonso IX.

"DOUS GRANDES DA CULTURA"

No acto de presentación desta exposición temporal, conducido polo deán da Catedral, Segundo Pérez, tamén tomou a palabra o conselleiro de Cultura en funcións, Román Rodríguez.

Destacou que este proxecto permite "unir dous grandes da cultura e o patrimonio", como son o Mestre Mateo e o Museo do Prado. E é que, segundo as súas palabras, "non hai mellor institución" para difundir a figura dun artista "asimilable a Miguel Ángel ou a Rodin".

Por iso, o titular de Cultura en funcións desexou que este "fito cultural de grande importancia" sexa "un éxito" e permita "presentar ao mundo todo o que hai en Galicia".

Sobre esa idea falou tamén o xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, quen confiou en que a mostra "incite a moitos a ver a totalidade da obra de Mateo en Santiago", cidade á que está "indefectiblemente unido".

APOIO Á CULTURA "EN TEMPOS DE CRISE"

Pola súa banda, o director da Fundación Catedral de Santiago, Daniel Lorenzo, sumouse aos eloxios ao Mestre Mateo e argüíu que se tivese traballado nalgunha capital europea "sería un referente" ao nivel de Miguel Anxo". "Pero aquí case pasa desapercibido", lamentou, malia ser "un adiantado ao seu tempo".

Tras incidir en que foi "un grande" e apuntar que as súas serán as primeiras esculturas graníticas no Museo do Prado, sinalou que o Mestre Mateo desenvolveu o seu traballo "en tempos de crise" porque os gobernantes comprenderon a importancia da arte.

"Ogallá nunca esqueza a creación artística e a difusión da cultura, que deben ser prioritarios,", demandou Daniel Lorenzo, dende o convencemento de que tamén en épocas de dificultades "se"poden facer cousas grandes".

Así mesmo, o vicepresidente da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, celebrou tamén a agrupación destas esculturas, como forma de "recoñecer unha obra que segue marabillando" ao mundo. O que criticou é que algunhas delas sigan "en domicilios particulares" da familia do ditador Francisco Franco.

"O ESCULTOR ESPAÑOL MÁIS IMPORTANTE"

A continuación, o presidente da Real Academia de Belas Artes e un dos promotores desta exposición, Manuel Quintana Martelo, aplaudiu que se poida exportar a figura de quen "para moitos é o escultor español máis importante da historia".

Ademais, agradeceu o apoio institucional -da Xunta, a Deputación da Coruña e o Consorcio de Santiago-, así como o respaldo da Catedral de Santiago e o Museo do Prado e a "colaboración" dos donos das coleccións particulares.

O acto foi clausurado polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quen expresou o seu recoñecemento a "un mestre de mestres" e celebrou que a súa obra poida darse a coñecer nun lugar "tan prestixioso" como o Museo do Prado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta