Por gcdeportes | Compostela | 09/10/2016 | Actualizada ás 09:26
“Finalmente 9 puesto en #IMKona. Sé que aún puedo hacerlo mejor y confío en ello. Contento por top10. Gracias!!”, foi a mensaxe en twitter do galego Ivan Raña tras rematar noveno no Mundial Ironman de Hawai. Foi o seu mellor resultado dende a súa estrea no 2013, cando entrara sexto en meta. Tras ser 17º en 2014 e 12º en 2015, o triatleta galego, con 37 anos, regresa o top-ten do Mundial coa novena posición, rebaixando en case trece minutos a marca do ano pasado. Coma sempre, Raña remontou posicións no maratón e entrou en meta cun tempo de 8h:21:51.
“Muy cansada pero FELIZ!!! Un sueño cumplido ahora a por otro. Muchas gracias a todos!!”, escribiu a pontevedresa Saleta Castro, a primeira galega en participar no mítico Mundial Ironman de Hawai, que entrou en meta 32ª cun tempo de 10h:17:50 tras remontar no maratón.
A proba comezou ás 18:30 hora galega cos 3,8 quilómetros de natación, cun grupo en cabeza entre os que estaba o gran favorito, o alemán Jan Frodeno, vencedor no 2015. Iván Raña, ben colocado, saiu no posto 17º a tan só 54 segundos do primeiro.
Nos 180 quilómetros en bicicleta, a igualdade marcou a carreira ata o ecuador do segmento, cun numeroso grupo separado por menos dun minuto. No quilómetro 68, o galego Iván Raña era 20º a tan só 24 segundos dos líderes. Foi na segunda parte onde aumentaron as diferenzas, e o ordense foi perdendo tempo e posicións, para saír da T2 na 26ª posición a 14 minutos de Frodeno e Sebastian Kienle, pero cun dos seus mellores tempos na bici en Kona (na edición do 2014 perdera máis de media hora cos de cabeza).
Xa na carreira a pé, con Frodeno e Kienle xuntos en cabeza ata o quilómetro 15 no que marchou Frodeno en solitario para repetir título, un gran Iván Raña, cun espectacular maratón, foi remontando posicións ata entrar en meta noveno, cun tempo de 8h:21:51, rebaixando en case trece minutos a marca do ano pasado (8h:34:27).
Na proba feminina, Saleta Castro saiu da auga na 16ª posición a 58 segundos da cabeza. Baixou posicións a pontevedresa na bicicleta para saír da T2 sobre a posición 40ª, pero remontou Saleta no maratón para entrar en meta 32ª cun tempo de 10h:17:50, na que foi a súa primeira experiencia no Mundial Ironman, o seu soño dende que apostou pola distancia.
No Campionato do Mundo Ironman en Kona (Hawaii) participaron 2.300 triatletas que tentaron completar os 3,8 quilómetros de natación, 180 kms de ciclismo e 42,1 de carreira a pé no maratón final.
Clasificación final masculina
1. Jan Frodeno 8h:06:30
2. Sebastian Kienle (8h:10:02) a 3:33 s
3. Patrick Lange (8h11:14) a 4:45
4. Ben Hoffman (8h:13:00) a 6:31
5. Andi Boecherer (8h:13:25) a 6:56
6. Tim O´Donnell (8h16:20) a 9:51
7. Boris Stein (8h:16:56) a 10:27
8. Bart Aernouts (8h:20:30) a 14:01
9. Ivan Raña (8h:21:51) a 15:22
10. Frederik Van Lierde (8h:21:59) a 15:30
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.