A orfandade da derrota

O dito é vello, moi pouco postmoderno, pero como por tantas outras cousas por el non pasa o tempo: a derrota sempre é orfa, mentres a vitoria ten mil país e mil nais. A derrota é ese neno, apenas envolto nunha pequena manta, deixado á porta dun convento na noite, ninguén se quere facer responsable.

Por Emilio Martinez | Vigo | 18/10/2016

Comparte esta noticia

As eleccións galegas do 25 de setembro, deixaron dúas persoas vitoriosas. Por unha banda Núñez Feijoo. Sete anos de goberno nunha situación económica calamitosa, con índices de paro altísimos persistentes, con recortes en todos os sectores públicos, sen ideas, sen estratexia económica, sen política industrial… e, despois duns dos peores resultados electorais apenas dez meses antes mantén a súa maioría absoluta e acada a mellor porcentaxe de votos das tres eleccións nas que encabeza o cartel electoral: 47,55% dos votos válidos. Unha vitoria cimentada sobre os acertos propios e os múltiples erros alleos. O Partido Popular soubo poñer en valor todas as súas fortalezas: unha rede clientelar ben organizada  e activa, uns recursos económicos inigualables, uns medios de comunicación volcados no candidato, unha unidade e claridade de obxectivo da que carecían as outras forzas políticas, un candidato cun nivel de coñecemento social do 100% e que, a diferenza doutros dos seus compañeiros de partido noutros lares, é capaz de esquivar todos os golpes e superar todos os erros do seu pasado e do seu presente.

O segundo gañador é Abel Caballero. O seu partido obtivo uns resultados nefastos, pero el gañou por goleada. Por unha banda ter a Feijoo de presidente facilítalle contar cun inimigo externo que poda utilizar como mobilizador electoral a conveniencia, o populismo, recordémolo, sempre precisa dun inimigo. Feijoo préstase ao xogo, non deixa de ser el o mais interesado en fortalecer a Abel Caballero a nivel local… garántese así unha continua tensión interna no PSdG-PSOE da que el sae beneficiado. Por outra banda a enorme diferenza de votos obtidos polo PSOE en Vigo nas eleccións locais e nas autonómicas fortalece a súa posición como peza clave en calquera movemento dentro do seu partido.

O 25 de setembro a esquerda foi derrotada. Sen paliativos. A suma de En Marea, PSOE e BNG é do 45,27% dos votos válidos, unha escasa mellora sobre o 44,62% obtido en 2012 por PSOE, AGE e BNG e bastante menos que o 47,02% que o PSOE e BNG sumaron en 2009 (eleccións nas que superaron conxuntamente o 46,68% obtido polo PP). Despois de sete anos, o único que se produce é unha redistribución do voto. A esquerda móstrase unha e outra vez incapaz de romper cos seus límites electorais. A esquerda, nin en 2012 nin en 2016 ilusionou. A esquerda só pode gañar unhas eleccións en Galicia si é capaz de mobilizar aos votantes, a aquelas persoas que só se acercan a unha mesa de votación si son convencidas con argumentos, coa crenza de que existe unha alternativa.  En 2005 o nivel de participación acadou o 64,20% e o PP perdeu a maioría absoluta. En 2009, despois da campaña mais lixenta da historia política da Galicia do Estatuto de Autonomía, o PP gañou polos pelos, en escanos, non en votos, cunha participación do 64,40%. As maiorías populares de 2012 e de 2016 o PP as obtén cunha participación que en ningún dos dous casos chegou ao 55%.

Sen entrar a valorar os resultados do BNG, mellores dos que se agardaban, e sustentados  por unha candidata con maior experiencia e que soubo recoller o desencanto dunha parte de votantes que  nas municipais de 2015 e nas  eleccións xerais se volcaran coas candidaturas de En Marea nas súas diversas versións. De todos os xeitos, e poñendo os pes na terra, un 8,33% do voto da para a festa que da, o BNG ten aínda por diante un longo camiño se quere recuperar algo do esplendor de antano, e sabendo que para iso precisa acertar moito e que outros erren tamén moito.

En Marea non cumpriu as expectativas. Nin de lonxe. Si é verdade que un incremento dun 36% dos votos obtidos, de 200 mil a 273 mil é notorio, pero as cifras quedan moi lonxe das acadadas na Xerais, 400 mil nas de decembro, 350 mil nas de xuño de 2016. Son moi preocupantes os resultados nalgúns lugares, comezando pola capital de Galicia, lugar no que En Marea baixou de votos respecto aos acadados por AGE catro anos antes. Unha razón pode ser o feito de non encabezar o cartel desta vez Xosé Manuel Beiras, pero non é a única razón. Hai cousas que seguramente non se están a facer ben.

Non hai razón para abrir as botellas de espumante, máximo sabendo que o magro resultado é froito dos reiterados erros estratéxicos e numeroso erros tácticos das persoas e organizacións que lideraron o proceso. Buscar algo que se fixera ben é difícil, co que te atopas, por todos os lados é con desbarres asemblearios, bonitas teorías pintadas a coloríns sen relación algunha coa realidade e ombliguismo rampante. Luis Villares sigo convencido que é un bó candidato. Pero un candidato sen traxectoria política, descoñecido totalmente a nivel social salvo, no seu caso,  en cenáculos galeguistas e no mundo xurídico, non pode ser escollido apenas 45 días antes das eleccións. Materialmente é imposible que rode un pouco, que pula as formas, que se constrúa como alternativa. É de libro. O procedemento utilizado para escoller  as candidaturas é calquera cousa menos eficiente e eficaz … candidaturas que se escollen a mediados de agosto, cunhas eleccións á volta da esquina, e escollese sobre a base de lista “tribais”, sen ningún tipo de reflexión sobre cal é o equipo que se quere levar ao Horreo… Tería pagado a pena utilizar o “pito pito gorgorito...”. A cousa non iria peor do que foi. O programa electoral foi feito ás presas, e froito do voluntarismo dunhas poucas persoas, sen apenas debate, sen ningunha reflexión, non había materialmente tempo, con ramalazos “frikis” difíciles de xustificar…

E non paga a pena falar moito do papelón de Podemos, cun comportamento que fai bó aquel dito, tamén antiguo, de “Quen con nenos se deita…”. Monedero, ese profesor universitario sancionado disciplinariamente, metido a Oráculo de Delfos de fin de semana, dicía que en Galicia Podemos non debería terse unido a En Marea… A realidade é que agora mesmo  quen  pode ser un lastre para conformar unha alternativa ao Partido Popular en Galicia é mesmamente Podemos… O 25 de setembro Euskadi celebrou eleccións, Podemos, que se presentaba coas súas propias siglas, Elkarrikin Podemos, acadou 11 diputados, o 14,83%... a terceira forza no Parlamento Vasco, despois de PNV e Bildu…moi lonxe dos resultados acadados na Xerais duns meses antes, nos que foi a primeira forza co 29,05% dos votos… En apenas tres meses Podemos, pasou, eles sos, non precisaron axuda, de 333.730 votos a 156.671… Pero para Monedero alí a cuestión non é ir xuntos ou en alianzas, alí o tema era que Bildu copiou o discurso social de Podemos!!!!.  Sobre estes que adaptan a forma de pensar ás necesidades do momento eu teño pouco que engadir ao moito que Groucho Marx xa escrito.

Eu son dos que cree, perdóame Monedero, que a nefasta xestión por parte de Podemos do seu poder parlamentario en Madrid está sendo un auténtico lastre electoral, que se veu en xuño, e agardemos que non haxa unhas terceiras eleccións porque sen dúbida constatarase con maior dureza. No caso galego, temos que reconocelo, tampouco axuda moito a incapacidade manifesta dunha boa parte dos que nos representan no Congreso.

Aínda que 14 deputados e deputadas no Horreo non é o que a inmensa maioría dos que apoiamos a En Marea agardábamos  é o que hai, e con eses vimbios terán que construír o cesto. Desgraciadamente o mentado proceso de construción das candidaturas e os magros resultados deixaron fora do Parlamento a unha boa parte das persoas que, a priori, parecía que tiñan maiores capacidades. Aos que obtiveron acta de parlamentario, ás que á obtiveron acta quédanlle por diante o reto de desmentir estas afirmacións miñas.

Luis Villares ten antes sí unha tarefa complicada: converterse en líder da oposición á vez que en líder do proceso de creación dunha verdadeira forza política, unha organización que sexa capaz de dar resposta ás necesidades das xentes do común:Fácil non o vai ter, fácil non llo van poñer, e non me refiro so aos alleos, senón aos propios, sobre todo aos propios. Manexar egos nunha foi unha tarefa doada. Escoller a quen escoitar e en quen sosterse tampouco. Eu voume permitir unhas suxerencias: a primeira son duas lecturas, “Discursos sobre a primeira década de Tito Livio”, de Nicolás Maquiavelo (dando por suposto que “O Príncipe” e “Das conxuras” xa os ten moi  lidos, moi suliñados e moi anotados) e “Oráculo manual e arte de prudencia” do xesuíta Baltasar Gracián. Son dous textos que de seguro atopara de inmensa utilidade. A segunda suxerencia  é que aínda que disfrute vendo “Xogo de Tronos” ou lendo “O señor dos Aneis” non perda de vista que a realidade é cousa ben diferente, acaso mais complexa, aínda que  entre nos non existen ananos, non existen elfos, nin xigantes, nin exércitos brancos, e sobre todo: non existen orcos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.