LUGO | 10/11/2016 | Actualizada ás 12:32 por EUROPA PRESS
A Policía Local de Lugo reforzou a vixilancia no barrio de Augas Férreas, tras unha violación e un intento de agresión sexual no mesmo edificio, segundo confirmou o voceiro do goberno municipal, Miguel Fernández.
Ao respecto, Fernández recoñece que é "un problema moi sensible polo que polo que é importante tomar as medidas que haxa que tomar, pero dende logo non alarmar a cidadanía". "Nese sentido estase a traballar, reforzouse a vixilancia da policía, o resto das forzas e corpos de seguridade do Estado están a facer o seu traballo", resaltou.
Previamente, a Policía Nacional xa puxo en marcha un dispositivo especial para localizar e deter o violador que actúa na cidade de Lugo.
Fernández animou a "todas as persoas a que tomen as precaucións habituais, pero sen ningún tipo de alarmismo nin moito menos". "É un tema puntual, estase a traballar e váiselle dar solución. É un tema moi sensible pero que teñan a confianza os cidadáns de que dende as forzas de orde pública se está a vixiar e se lle vai dar solución a curto prazo", indicou.
O voceiro municipal sinalou que "tamén se reforzou" esa presenza, "non solo en Augas Férreas, "senón tamén en toda a cidade, pero basicamente na zona en que presuntamente actuou, por un tema de seguridade e porque así determinárono os responsables da policía".
Miguel Fernández asegura que "este é un tema que se vai tratar" na próxima xunta local de seguridade, convocada para o mércores da próxima semana.
"NON TRANSITAR POR DETERMINADAS ZONAS SEGUNDO A QUÉ HORAS"
Aínda que insiste en "lanzar unha mensaxe de tranquilidade", apunta que "todas as persoas, todas as mulleres deben de tomar as precaucións habituais como non transitar por determinadas zonas segundo a qué horas, pero nada extraordinario".
"Que teñan a seguridade de que as forzas de seguridade están a traballar, están a realizar o seu labor, que estamos protexidos. E máis alá de tomar as precaucións necesarias, tamén calquera colaboración cidadá é importante, e ante un sospeita fundada que se poña en coñecemento das forzas e corpos de seguridade do Estado", resalta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.