O secretario xeral de Universidades defende o sistema galego coma o “máis eficiente de España”

Fíxoo no marco das XXIV Jornadas de Investigación de las Universidades Españolas, organizado pola CRUE e a Universidade de Vigo, onde os expertos alertaron dos efectos negativos da crise na ciencia.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 02/12/2016 | Actualizada ás 12:12

Comparte esta noticia

O sistema universitario galego é o “máis eficiente de España”. Así o defendeu o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, nas XXIV Jornadas de Investigación de las Universidades Españolas, un encontro organizado pola CRUE e a Universidade de Vigo e que reúne na cidade galega a boa parte dos principais responsables e xestores da innovación e a transferencia de todo o Estado.

Intre das XXIV Xornadas de Investigación das Universidades Españolas
Intre das XXIV Xornadas de Investigación das Universidades Españolas | Fonte: UVigo.

O encontro serviu como plataforma para reivindicar o papel científico das universidades, que en tempos “moi difíciles” como os que se están a vivir en España, lograron “manter o tipo” en materia de investigación grazas a un esforzo ímprobo que se traduciu en máis do 60% de toda a I+D+i que se está a realizar a nivel estatal. Esta foi a principal reivindicación que se escoitou na inauguración do encontro.

O secretario xeral de Universidades defendeu o sistema universitario galego coma o “máis eficiente de España” e fixo fincapé en como as universidades se valoran cada vez máis en función da súa I+D e como a docencia apenas se ten en conta nas clasificacións cada vez máis habituais e que dan prestixio e recoñecemento público ás institucións que acadan mellores resultados.

Como principais aspectos a mellorar, o responsable autonómico incidiu na necesidade de avanzar na coordinación entre as diferentes administracións e entre as propias universidades, “que cada institución non se vexa como un ente illado, senón que se fomenten os lazos de colaboración, pois isto é imprescindible se queremos que os grupos de investigación funcionen”. A isto engadiu, ademais, a necesidade de seguir indo a máis en internacionalización e, sobre todo, en transferencia. “Falta que sexamos capaces de transmitirlle á sociedade o que a universidade fai e pode facer en todos os seus ámbitos” dixo. Nesta liña, lembrou que “o investido na universidade volve á sociedade e, ademais, faino multiplicando varias veces o investimento inicial, pero isto non só hai que demostralo, senón tamén facerllo ver á sociedade”.

Pola súa parte, o presidente da Comisión Sectorial de I+D+i da CRUE e reitor da Universidade de Córdoba, José Carlos Gómez, fixo tamén fincapé nas dificultades afrontadas nestes anos de crise. “Afortunadamente iso é o pasado, agora xa temos un novo goberno co que empezar a dialogar e buscar solucións”, admitiu Gómez, que informou tamén de que o vindeiro mes de xaneiro serán recibidos polos responsables dos ministerios de Economía e Educación “para tratar de ir buscando solucións aos actuais problemas da ciencia en España.

Isto da investigación é como montar en bicicleta, se paras caes, e nós conseguimos non parar, a investigación en España seguiuse mantendo e isto fíxose grazas a un grandísimo esforzo do sistema universitario”, subliñou Gómez, que insistiu tamén en que aínda así os efectos negativos da crise faranse sentir e o que hai que facer é traballar para que “cando cheguen duren o menos posible e sexamos capaces de reconducir o sistema”.

Pola súa banda, o reitor vigués, que lembrou os inicios da sectorial en 1998 na localidade catalá de Sitges como iniciativa dun grupo de vicerreitores de Investigación, fixo súa unha mítica canción do grupo vigués Golpes Bajos para lembrar que “a pesares dos malos tempos para a lírica hai que mirar adiante con propostas construtivas, convertendo os problemas en oportunidades, xerando proxectos contundentes e namorando aos gobernos e ao conxunto da sociedade da nosa valía”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta