SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/12/2016 | Actualizada ás 11:26 por EUROPA PRESS
O actor e produtor Rubén Riós presenta este xoves, 15 de decembro, en Santiago (Sala Moon, 22,00 horas), o monólogo 'Memorias dun neno... perdido'.
Logo de presentar este novo espectáculo en municipios como Melide e Allariz chega a Compostela con este monólogo íntimo no que narra segredos da súa vida.
Rubén naceu nunha aldea galega chamada Riós, onde se criou nun ultramarinos e soñaba dende pequeno con ser un titiriteiro. Anos máis tarde protagonizaría películas como 'Vilamor' e 'Pradolongo', e actuaría en series como 'Matalobos' e 'Urxencias cero'.
Con este monólogo fará unha retrospectiva de toda as súas experiencias. "Levo anos preparando este espectáculo e querendo compartir con toda a xente as andanzas que me levaron a vivir tantas e tan dispares experiencias e acabar sendo un neno perdido que sempre acaba atopando o seu rumbo", apunta Riós.
A entrada anticipada pódese comprar por 3 euros no Rock Café de Santiago, mentres que na billeteira será de 5 euros. A seguinte actuación de Riós será o 22 de decembro no Café Cultural Auriense.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.