Os consumidores demandan máis garantías sobre seguridade alimentaria en produtos acuícolas

Un estudo do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo avisa de que "as percepcións sobre a calidade ambiental das augas e sobre a seguridade alimentaria afectan as decisións de consumo" e aconsella "implementar programas que contribúan a mellorar a calidade" para aumentar a confianza dos consumidores.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 04/01/2017 | Actualizada ás 17:17

Comparte esta noticia

Os consumidores de produtos acuícolas consideran que "calquera programa adicional de garantías sobre seguridade alimentaria (asociada á contaminación con risco para a saúde) melloraría a súa confianza nos produtos acuícolas", segundo un estudo do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Vigo.

Planta acuícola da multinacional Stolst Sea Farmer en Lira
Planta acuícola da multinacional Stolst Sea Farmer en Lira | Fonte: Xunta

Os resultados do traballo, titulado 'La calidad percibida de productos acuícolas por los consumidores españoles', mostran que "as percepcións sobre a calidade ambiental das augas e sobre a seguridade alimentaria afectan as decisións de consumo". Así, os investigadores atoparon que entre un 20% e un 30% dos consumidores deixaron de comprar algún produto por informacións que o asociaban a algún risco para a saúde. E aínda que "a percepción da calidade en xeral do marisco na actualidade é boa", o certo é que "preto do 90% considera que a contaminación mariña pode afectar no futuro á seguridade alimentaria dos produtos acuícolas" e "existe un risco de que esta percepción empeore no futuro", avisan os autores do estudo.

Ademais, os investigadores atoparon que "os consumidores estarían dispostos a pagar unha pequena cantidade adicional para implementar programas de garantía de seguridade alimentaria".  

"En concreto, o maior incremento de confianza produciríase se se aplicase un programa de inspeccións gobernamentais con etiquetaxe posterior", conclúe o estudo, asinado por Mª Dolores Garza-Gil, Mª Xosé Vázquez-Rodríguez Manuel e Manuel M. Varela-Lafuente, e coordinado por Eva Rodríguez Míguez.

Por todo isto, os investigadores aconsellan "implementar programas que contribúan a mellorar a calidade ambiental das augas marítimas" para mellorar a confianza do consumidor, o cal "afectará positivamente a demanda destes produtos", din.

Mariscos galegos
Mariscos galegos | Fonte: PDRA.

No estudo ponse de relevo que a vocación acuícola dalgunhas autonomías españolas —especialmente Galicia, onde se atopa a maioría das aproximadamente tres mil empresas acuícolas do Estado— levou á "identificación do lugar de orixe do produto coa calidade do mesmo por parte dos consumidores", o cal, sinalan os autores, "permite a diferenciación do produto no mercado pero leva tamén algúns riscos". Un dos máis importantes é que "a existencia de problemas de contaminación no medio mariño pode levar a unha perda de confianza na calidade e na seguridade alimentaria dos produtos", explican.

Os investigadores da Universidade de Vigo analizaron as percepcións dos consumidores sobre a demanda de produtos acuícolas marisqueiros en relación coa calidade ambiental do medio mariño, para o cal se fixeron 1.648 enquisas telefónicas.

Por grupos de especies, a produción de moluscos achega o 82% do total da produción acuícola, principalmente de mexillón, mentres que os peixes (robaliza, dourada, rodaballo e atún, principalmente) xeran o 17%; o resto da acuicultura mariña corresponde á produción de crustáceos e algas, segundo os datos aportados no estudo e referidos ao período 2012-2014.

O estudo tamén estaca que o valor engadido bruto (VAB) xerado por este grupo de especies representa algo máis do 70% dos ingresos derivados da súa produción; e, á súa vez, máis do 75% do VAB destínase ao Excedente bruto de explotación (EBE)/Rendas mixtas e, por tanto, aproximadamente o 25% restante ao pago de soldos e salarios nun sector onde crece o emprego a tempo completo.

RESULTADOS

A partir das enquisas, os investigadores observaron que a frecuencia de consumo de mariscos nos fogares é alta, "unha vez ao mes ou cando menos unha vez por semana son os intervalos de maior frecuencia.

Respecto das especies de maior a menor frecuencia de consumo, estas son: gambas (86,4%), lagostinos (82,5%), mexillóns (74,8%), ameixas (50,5%), berberechos (46,8%), nécoras (36,4%), cigalas (29,9%), centolas (23,3%) e ostras (10,5%). Tamén se observou unha maior tendencia a adquirir produtos frescos fronte aos conxelados.

No que se refire ao gasto anual en marisco para consumir no fogar, os intervalos onde se sitúan unha maior porcentaxe dos fogares son os dous superiores establecidos na enquisa, entre 150 e 300 euros e máis de 300 euros, cun 22,5% e 36%, respectivamente. Ademais, un 10,9% indica que lle resulta difícil estimalo. Pola súa banda, o gasto asociado a marisco en restaurantes resulta difícil de estimar para case o 27% dos que algunha vez o consumiron, aínda que o 25% dos consumidores declara que gasta 300 euros ou máis ao ano, polo que o intervalo máis frecuente é de novo o máis alto dos presentados.

Das características máis importantes para o consumidor cando compra marisco para consumir no fogar, as opcións máis mencionadas son a calidade e frescura, con porcentaxes equivalentes: 38,8 e 38,3, respectivamente.

O prezo é a terceira característica máis nomeada polos consumidores, en concreto por un 13% da mostra. Ademais, o lugar de procedencia, asociado a unha rexión ou zona específica, só foi mencionado polo 0,7% dos enquisados.

Cando se decide que produto consumir en restaurante, un 25,2% declara seguir as recomendacións do camareiro e un 15% considera o prezo (15,1%). Tamén se achegan outras opcións, especialmente a confianza no restaurante e que o produto sexa de tempada. O lugar de procedencia só é nomeado como criterio polo 2,5% da mostra para o consumo en restaurantes.

Sobre a idea de calidade do marsico, preguntouse aos consumidores en que características en concreto pensaban. Os resultados mostran que o 75% asocia a calidade, en primeiro lugar, á frescura do produto. Un 11% indicou tamén que o lugar ou rexión de orixe é un atributo fundamental asociado á calidade. Isto implica, segundo os autores do estudo, que "cando os consumidores afirman buscar calidade ao adquirir o produto, están implicitamente incorporando o lugar de orixe nesa característica".

Sobre o concepto de seguridade alimentaria, as tres opcións máis mencionadas foron: en primeiro lugar, a data de caducidade (46,1%); en segundo lugar, a contaminación por bacterias/microalgas (23,3%); e en terceiro lugar, a necesidade de garantías e controis (10,12%). A contaminación por bacterias ou microalgas e a superación da data de caducidade son as principais causas das enfermidades asociadas á contaminación alimentaria cando se realiza esta pregunta directamente aos enquisados (32% e 25%, respectivamente). A contaminación do medio ambiente é mencionada polo 13%, pasando a ser a terceira causa de enfermidades asociadas á alimentación.

Doutra banda, os episodios que máis lembran polo seu impacto nos medios de comunicación en relación ccon riscos para a saúde son, aproximadamente coa mesma frecuencia: as toxinas en mexillón, vieira e ameixa; o anisakis/bacterias no peixe; a enfermidade das vacas tolas; a gripe aviaria; a vertedura de cru do buque Prestige; o aceite de colza; a salmonela e a contaminación e verteduras no mar. 

Ademais, o 20% dos consumidores afirmou deixar de comprar algún produto a consecuencia de informacións nos medios sobre problemas de seguridade alimentaria. A maior parte dos enquisados aseguraron que deixan de comprar calquera produto que saia nas noticias que poida causar problemas para a saúde. Sobre todo mecionaron a carne de tenreira durante a crise das vacas tolas, tamén carne de pito, peixe e marisco (neste último caso, citan algúns tipos de mariscos, en concreto lagostinos e mexillóns). O 87% da mostra obtivo información sobre problemas de seguridade alimentaria en televisión e radio. O 12% a partir de periódicos e só un 1% a partir de especialistas do ámbito da saúde.

O 42% da mostra considera que os problemas de seguridade alimentaria se producen con maior frecuencia no pescado/marisco, aínda que con moi pouca diferenza na porcentaxe de respostas respecto da carne (41%). Destes datos, os investigadores deducen que "os consumidores españois asocian con maior frecuencia, por tanto, produtos do mar e problemas de seguridade alimentaria".

Os principais riscos de seguridade alimentaria asociados ao marisco son: ausencia de frescura para o 43,2% dos consumidores, a contaminación por bacterias ou microalgas (24,5%) e a manipulación do produto sen as debidas medidas de hixiene (12,6%).

Por último, os investigadores plantexaron aos individuos enquisados a posibilidade de aplicar tres opcións para mellorar os controis de seguridade alimentaria dos produtos acuícolas: en primeiro lugar, un plan que obrigue ás empresas/organizacións de produtores marisqueiros a desenvolver o seu propio programa de seguridade presentando informes periódicos sobre procedementos aplicados para tal fin; en segundo lugar, a realización de inspeccións gobernamentais (europeas, españolas ou autonómicas) con etiquetas para os produtos que pasen a inspección; en terceiro lugar, a realización de inspeccións por técnicos privados independentes (non vinculados á Administración nin ás empresas marisqueiras) que son os que conceden os certificados ou etiquetas para os produtos. Nos tres casos, a maior parte dos enquisados afirmou que calquera dos tres programas incrementaría a súa confianza no marisco que consomen. Con todo, o programa baseado en inspeccións gobernamentais parece incrementar en maior medida a confianza dos enquisados (64,6%).

Un dos datos máis salientable é que aproximadamente o 45% dos enquisados dixo estar disposto a pagar no mercado un 5% máis sobre o prezo habitual de adquisición dos produtos para consumo no fogar para que se aplicase un programa adicional de garantía de seguridade alimentaria do marisco que consome, mentres que o 38% declara non estar dispostos a pagar ningunha cantidade adicional.

No caso do consumo en restaurantes, o 48% declarou estar disposto a pagar algo máis por unha garantía adicional e, maioritariamente, escollen a opción de pagar un 5% adicional. Con todo, unha porcentaxe alta (43%) non está de acordo con que se aumente o prezo por este motivo.

Polígono de bateas
Polígono de bateas | Fonte: C.R. Mexillón de Galicia.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 daria

vénseme á cabeza os bancos marisqueiros de Praceres (fronte á celulosa de Pontevedra-Marín): o marisco alí apañado debería ter "denominación de orixe". Lembro o que dicía o vello profesor de ecoloxía mariña: "as rías son unha cloaca; mais a xente merca "peixe e marisco da ría" como garante de calidade.

1 Gamela

todo son cartos, con tanto estudo, disque, científico só comerán os RICOS ? pero bastaría con dar unha volta e ver como a depuración das nosas rías é pura ESTAFA en mans de empresas concesionarias que fan de todo menos DEPURAR... https://flic.kr/p/N12jZi