SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2017 | Actualizada ás 19:13 por EUROPA PRESS
O BNG pediu explicacións á Xunta por suprimir o galego de entre os requirimentos que rexen o proceso de selección de actores para os personaxes de 'Martes de Carnaval', a nova obra do Centro Dramático Galego (CDG). Dúas pezas desta obra de Valle Inclán serán postas en escena por primeira vez en galego, ao vencer os dereitos de tradución.
Segundo explicou o partido nacionalista este martes nun comunicado, a supresión do idioma galego como requisito produciuse despois de que se ampliase o prazo para presentar candidaturas para a representación.
Neste sentido, o BNG apuntou que na nova publicación das bases se suprime o punto no que se recolle o "coñecemento do idioma galego", para o que había que achegar "o Celga ou equivalente", así como o de "coñecemento e uso do idioma galego no plano cotián e artístico", na parte de valoración do currículo.
A vicevoceira do BNG no Parlamento galego, Olalla Rodil, cualificou este feito de "inadmisible" e pregúntase se "o Goberno galego manterá esta escandalosa desaparición en sucesivas convocatorias". Así mesmo, a formación nacionalista recordou que o Executivo ten a obriga de promover o coñecemento e uso do idioma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.