VIGO | 03/01/2017 | Actualizada ás 19:32 por EUROPA PRESS
O Sergas confirmou o aumento do equipo de profesionais do Centro de Saúde de Navia, cun novo médico de familia e unha enfermeira máis, unha medida que permite "redistribuír as cotas" deste centro e que os traballadores poidan desenvolver o seu labor "en mellores condicións".
Segundo comunicou Sanidade este martes, os novos traballadores se incorporaron nas últimas semanas, e permitirán que a media de tarxetas sanitarias atendidas por profesional descendan de 1.600 a 1.400. "Deste modo, cunhas cotas máis axeitadas, o persoal traballará nunhas condicións máis cómodas, o que é mellor para os profesionais, e tamén para os pacientes", sinalou.
A administración confirmou tamén que se van admitir a todas aquelas persoas que no seu día solicitaron ser atendidas no centro de saúde de Navia e que non puideron, porque as cotas estaban pechadas.
Por outra banda, o Sergas recordou que acaba de adxudicarse a obra de ampliación das dependencias do anexo II do antigo Hospital Xeral, que albergan un centro de saúde; e que tamén se estudan melloras para o centro de saúde de López Mora.
Con este comunicado, Sanidade sae ao paso da convocatoria dunha manifestación por parte da Xunta de Persoal do Chuvi e da asociación de veciños Novo Vigo de Navia para reclamar máis recursos para o centro de saúde dese barrio. A protesta, que terá lugar na tarde do 11 de xaneiro, tamén persegue reclamar melloras noutros centros de saúde.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.