Baltasar Garzón pide “protección fronte aos ataques” para a xuíza Pilar de Lara

O xurista critica as presións sobre a titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, Pilar de Lara Cifuentes, que instrúe macrocausas como a 'Pokémon' e a 'Carioca'. A secretaria xeral de Igualdade tamén sae en defensa da maxistrada e considera "lamentables" as descualificacións que recibe.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2017 | Actualizada ás 11:44

Comparte esta noticia

O xurista Baltasar Garzón criticou este mércores as presións sobre a titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, Pilar de Lara Cifuentes, que instrúe macrocausas como a 'Pokémon' e a 'Carioca', ao tempo que defendeu a necesidade de "protección fronte aos ataques".

Baltasar Garzón
Baltasar Garzón | Fonte: Europa Press.

Así o manifestou nunha entrevista na Radio Galega, na que considerou, en relación á dilatación das causas que instrúe esta, que a xuíza Pilar de Lara "ten que ter un reforzo de medios para que poida atender o seu traballo", pero tamén reivindicou "unha protección fronte a eses ataques que está a recibir".

Neste sentido, o ex-maxistrado da Audiencia Nacional considerou que esas críticas á xuíza buscan, ao seu entender, influír nas causas que instrúe Pilar de Lara Cifuentes no seu xulgado.

Garzón recordou tamén as presións que viviu na súa propia persoa e que acabaron coa súa inhabilitación por once anos. "É o canon que se ten que pagar por ser independente. Non me arrepinto, asumo o que sucedeu e tomo enerxía para seguir adiante", comentou.

DESCUALIFICACIÓNS "LAMENTABLES"

Tamén a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, cualificou de "lamentables" as descualificacións cara á titular do Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo, Pilar de Lara Cifuentes, por parte de compañeiros de profesión nunhas escoitas realizadas por Vigilancia Aduanera.

"Absolutamente lamentable. Eu creo que as persoas que formamos parte das institucións podemos cometer erros, pero estas declaracións son lamentables", condenou López Abella, en declaracións aos medios no marco dun acto en Lugo.

"As institucións, tanto no ámbito da administración autonómica, local E provincial, e a administración de Xustiza, que é unha das administracións en que máis nos fixamos os veciños, non podemos escoitar de alguén tan importante como un xuíz estas declaracións doutra compañeira", comentou López Abella. "Parécenme lamentables", reiterou.

Deste modo rexeitou as manifestacións dun xuíz de Pontevedra, que acusa a De Lara de "tola perdida", ademais de cualificala de "torpe" e "incompetente", entre outras descualificacións recollidas durante unha conversa gravada cun empresario investigado pola Audiencia Nacional no marco da 'Operación El Dorado'.

Precisamente o xuíz da Audiencia Nacional que instrúe esa causa, Eloy Velasco, remitiu ao xulgado lucense un informe co contido destas conversas para que se incorporen á 'Operación Unika', derivada da 'Pokémon', que leva Pilar de Lara. Ademais, nesas gravacións outro xuíz arremete contra Vigilancia Aduanera.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta