Por gcdeportes | A Coruña | 15/01/2017 | Actualizada ás 00:25
Ficha técnica:
RC Deportivo 0: Tyton; Laure, Arribas, Sidnei, Navarro; Guilherme, Celso Borges; Marlos Moreno (Borja Valle, 75’), Emre Çolak, Luisinho e Florin Andone (Joselu, 83’).
Vilarreal 0: Asenjo; Mario, Álvaro González, Víctor Ruiz, José Ángel; Jonathan dos Santos, Manu Trigueros, Bruno Soriano, Samu Castillejo; Pato (N'Diaye, 85’) e Santos Borré (Mario González, 68’).
Árbitro: Ocón Arráiz (rioxano). Amarela a Manu Trigueros (79’) do Vilarreal.
Incidencias: partido da 18ª xornada de Primeira División disputado no estadio municipal de Riazor ante 19.917 espectadores.
Dúas de Florin Andone e outra de Joselu. O Dépor tivo as mellores ocasións do partido pero non puido pasar do empate (0-0) e deixou fuxir cun punto ao Vilarreal. “Contento co equipo pero non co resultado”, resumiu Gaizka Garitano. Por primeira vez na tempada, o Dépor encadea tres xornadas sen perder, no que é a mellor xeira do ano: unha vitoria (2-0 a Osasuna) e dous empates (1-1 co Espanol e este 0-0 co Vilarreal).
Trala eliminación de Copa e con varias ausencias, Garitano realizou catro trocos con respecto ao once da visita ao Espanyol: Laure ocupou o lateral do sancionado Juanfran, Arribas no canto de Albentosa e Luisinho e Marlos Moreno entraron polo lesionado Bruno Gama e por Joselu.
Arrincou mellor o Dépor que o rival, e buscou a portaría castellonenca cun disparo de Celso Borges e varios saques de esquina executados por Emre Çolak, o temón do ataque deportivista. Unha asistencia do turco para o disparo de Florin Andone obrigou a Asenjo a despexar a córner cos puños. Co paso dos minutos, os coruñeses perderon o empuxe inicial e o Vilarreal semellaba controlar o ritmo. Na ocasión máis clara dos visitantes, Tyton detivo un disparo de Bruno Soriano no minuto 27. Un remate de Andone ao lateral da rede foi a última da primeira parte, que rematou con posesións longas e pouca profundidade.
A segunda parte comezou como a primeira, con máis posesión do Dépor, que reclamou un penalti por agarrón de José Ángel a Arribas no minuto 50. Cando se cumpría unha hora de partido, o que puido ser o gol da xornada: centro de Borges á área, unha media chilena de Andone e o balón que se foi ao pau con Asenjo facendo a estatua.
O Vilarreal espertou coa ocasión deportivista e avanzou metros para afastar a pelota da súa área, pero apenas tivo presenza ofensiva, tan só un pase de José Ángel que deixou pasar Samu Castillejo pero o disparo de Manu Trigueros foise alto. Garitano tardou en facer os trocos (tan só dous), que non chegaron ata os últimos quince minutos. Entraron Borja Valle e Joselu, que tivo a última ocasión clara do partido: saque de esquina lanzado por Emre Çolak, o de Silleda que peitea coa testa e Asenjo, cunha man a córner, evita a vitoria deportivista. Nos minutos finais, os dous equipos deron por bo o reparto de puntos, e o Dépor suma 18 en 18 xornadas. A visita a As Palmas (venres ás 20.45 horas) será a derradeira cita da primeira volta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.