SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2017 | Actualizada ás 13:43 por EUROPA PRESS
O voceiro parlamentario de En Marea, Luís Villares, recoñeceu a "solvencia" do experto proposto pola Consellería de Facenda para representar a Galicia no debate de financiamento autonómico, pero rexeitou apoiar o nome de Santiago Lago sen antes pactar, entre os grupos parlamentarios, un modelo de financiamento autonómico que represente os "intereses" de Galicia.
En declaracións aos medios no Parlamento, Villares indicou que este xoves recibiu a chamada do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, para abordar esta cuestión e na mañá deste venres lle trasladou a postura de En Marea, "coherente" coa defendida no debate do pleno pasado, cando interveu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co fin de explicar os acordos alcanzados na Conferencia de Presidentes.
De feito, na reunión dos xefes executivos autonómicos que liderou o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, acordouse abrir un grupo de traballo para deseñar un novo modelo de financiamento autonómico que se culmine este mesmo 2017.
Neste escenario, e despois da proposta que fixo Facenda aos grupos parlamentarios, Villares indicou que En Marea "non ten ningunha dúbida" da "solvencia" e "capacidade" de Santiago Lago. "Parécenos un dos maiores expertos en materia de financiamento, tanto a nivel galego, coma do Estado. Está fóra de toda dúbida a súa valía profesional", remarcou.
Dito isto, e amparándose no que xa trasladou no debate plenario, Villares incidiu en que En Marea "non considera que o que haxa que pactar sexa unha persoa concreta ou un experto concreto", senón unha posición "política" de "cál é o modelo de financiamento".
OFERTA PARA "DIALOGAR"
En consecuencia, En Marea rexeitou apoiar un nome porque o que quere, argumentou, é "pactar un novo modelo de financiamento". Neste sentido, dixo, o partido da confluencia fixo "unha oferta para sentar a dialogar e chegar a un acordo consensuado entre todos os grupos da Cámara que sexa favorable aos intereses de Galicia como país".
Unha vez se "chegue a ese acordo", agregou, para En Marea "será doado contar cunha persoa que defenda a postura" no marco dos grupos de traballo da Conferencia de Presidentes.
Ao respecto da súa proposta, recordou que un modelo federal que estableza uns "mínimos de ingresos e non uns gastos máximos" é o marco no que se move En Marea para alcanzar un acordo coas demais forzas políticas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.