LUGO | 01/02/2017 | Actualizada ás 10:05 por EUROPA PRESS
Os labores de busca da segunda vítima do incendio rexistrado nunha vivenda en Bóveda (Lugo) proseguen este mércores co rastrexo nas estanzas restantes.
Así o explicaron a Europa Press fontes dos Bombeiros de Monforte, que concretaron que a partir das 10,00 horas tiñan previsto retomar os labores de rastrexo na vivenda, onde quedan "poucas estanzas" por revisar.
Ademais dos Bombeiros de Monforte, foi mobilizada unha patrulla da Guardia Civil para colaborar nos labores para localizar os restos da segunda vítima do incendio.
O martes participaron nos traballos tamén unha unidade de cans adestrados de salvamento, efectivos de Bombeiros de Monforte e da Guardia Civil.
Os traballos de busca estendéronse dende as 9,30 horas ata as 18.30 horas do martes, xornada na que cans adestrados buscaron sobre os restos da vivenda derruída. Ante a falta de indicios, os efectivos mobilizados decidiron remover os restos da casa cunha retroescavadora para buscar en detalle entre os entullos, aínda que a unidade canina tampouco puido detectar indicios sobre o paradoiro da segunda vítima.
O incendio rexistrouse sobre as 9,00 horas do luns no lugar da Raíña, na parroquia de Marín, nunha vivenda na que residía unha parella de anciáns de 95 e 89 anos que se atopaban nese momento no inmoble. De momento, o operativo de busca conseguiu localizar unha das vítimas entre os entullos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.