Letrados critican a politización do Consello Consultivo por parte da Xunta

Apuntan que a nova lei de acompañamento de 2017 incorre na "ilegalidade" ao incluír a posibilidade de que un letrado poida ser substituído por "motivos de confianza".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 05/02/2017 | Actualizada ás 15:26

Comparte esta noticia

A Asociación Profesional de Letrados do Consello Consultivo de Galicia criticou a chamada lei de acompañamento aos orzamentos da Xunta para 2017, unha reforma que "non contribúe a reforzar a independencia" deste organismo, xa que suprime o corpo propio de letrados da institución e reserva a posibilidade de que estes poidan ser substituídos por "libre designación" atendendo a "motivos de confianza".

José Luis Costa Pillado, presidente do Consello Consultivo, e Alberto Núñez Feijóo
José Luis Costa Pillado, presidente do Consello Consultivo, e Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Xunta

A través dun comunicado emitido este domingo, a asociación denunciou a supresión "por primeira vez en Galicia" dun corpo de funcionarios "sen achegar o menor razoamento que xustifique tan sorprendente decisión".

E é que entenden que o Proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas, máis coñecida como lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta, reforma a regulación do persoal Consello Consultivo facendo que este organismo deixe de ter un corpo de letrados propio.

"Trátase, en efecto, dun corpo altamente cualificado e especializado, verdadeira columna do noso modelo de administración consultiva", denunciaron os letrados, que consideran que a medida "non parece que contribúa a reforzar a independencia do superior órgano consultivo das administracións públicas de Galicia".

Libre designación

Así mesmo, alertou de que a reforma, ademais de "privar" a este organismo de "o seu propio corpo de persoal letrado, independente e seleccionado" baixo criterios "obxectivos", tamén permitirá a "remoción dos postos" dos traballadores actuais e o seu substitución "por libre designación da persoa que ostenta a presidencia do Consello, incluso atendendo, entre outros motivos, a motivos de confianza".

Un punto do texto da lei que os letrados consideran de "pantente ilegalidade" xa que é "contraria ao disposto pola lei de emprego público de Galicia" e ao "artigo 23.2 da Constitución española" que determinan o "dereito a non ser removido do cargo se non é polas causas e de acordo cos procedementos legalmente establecidos".

"De aprobarse este proxecto nos seus actuais termos, veriámonos obrigados a opornos, impugnando os seus actos de aplicación con todos os medios que o Estado de Dereito pon ao noso alcance", manifestou esta asociación.

Explicacións no Parlamento

Así as cousas, instou ao Goberno galego, ao que acusou de elaborar a lei sen consultar "previamente" ao propio Consello Consultivo, a que ofreza "unha explicación inmediata e transparente" no Parlamento sobre "as razóns e circunstancias" que promoveron esta "polémica reforma".

Por último, os letrados criticaron que a reforma se introduce "mediante unha 'lei ónmibus'" coa intención por parte da Xunta de "furtar do control parlamentario o debate" sobre estes "cuestionables" contidos, o que supón a "ruptura do consenso alcanzado na lexislatura pasada para a reforma do Consello Consultivo de Galicia como unha peza crave na loita contra a corrupción".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

ou non actualizan a páxina ou hai un con 100 anos "traballando" no Consello Consultivo de Galicia http://ccgalicia.es/pages/composici...