Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 07/02/2017 | Actualizada ás 08:00
Un cargo do Partido Popular é un dos beneficiados da adxudicación das ambulancias da Xunta que investiga a Xustiza. Trátase de Carlos Magdaleno Fernández, ex-deputado provincial do PP en Valladolid.
Segundo comprobou GC no Rexistro Mercantil, o político preside Ambuibérica. Esta empresa, unha das maiores do sector no Estado, gañou tres dos lotes do concurso de 2014 para as urxencias do 061.
O xulgado número 2 de Santiago investiga si se cometeu delito de prevaricación, información privilexiada e tráfico de influencias nesta adxudicación. Segundo adiantou Europa Press, un técnico do 061 xa declarou como imputado. GC revelou que este técnico garda, segundo varias fontes, relación familiar directa coa que fora moza do presidente da Xunta, a sindicalista que sae nas polémicas fotos canda Marial Dorado.
Ademais dos tres concursos que gañou directamente, o grupo Ambuibérica logrou outros mediante filiais. Así, ten relación con Ambulancias de Pontevedra, que conseguiu dous lotes.
O ex-alcalde de Mayorga (Valladolid) figura como administrador solidario de Ambulancias de Pontevedra. Nesa adxudicataria comparte cargo con Agustín Capón, presidente de Ambulancias As Burgas, que gañou outros dous lotes.
En total, as empresas relacionadas co ex-deputado ou os seus socios conseguiron seis lotes por máis de 45 millóns de euros.
A Xustiza investiga se o concurso estaba amañado. Entre os indicios que hai no sumario está un correo electrónico enviado por un técnico do 061 imputado no que facilita os planos das ambulancias que despois serían incluídos nos pregos de condicións. O denunciante, outro empresario do sector, di que neses planos aparecen os logos da carroceira de Ourense Rodríguez López SL.
As empresas que traballaron co taller ourensán, entre elas Ambuibérica, leváronse o 95% do concurso. A Fiscalía considera probado que o envío do citado email foi anterior a publicación dos pregos do concurso.
Cando se coñeceu a resolución, a finais de 2015, varias voces erguéronse para denunciar a relación entre o PP e Ambuibérica. A deputada Montse Prado (BNG) sinalou que “está participada na súa maior parte por unha empresa de capital risco dirixida por un referente do Partido popular, o alcalde do concello valisoletano de Mayorga”. Por outra banda, o sindicato CIG apuntou que “Ambuibérica ten a súa sede en Valladolid, con dirixentes ligados ao Partido Popular, e que desembarcou no sector galego favorecida polo último concurso público das ambulancias de emerxencias”.
Os datos do Rexistro Mercantil confirman esta relación co PP. GC tentou contactar con ex-deputado para dar a súa versión, sen obter polo de agora resposta.
Tras desvelar Europa Press a investigación xudicial, o Bloque volveu á carga prometendo que preguntará ao Goberno “ata onde está disposto a chegar para favorecer a empresas amigas do PP na adxudicación de concursos públicos da Xunta”. A parlamentaria Prado asegura que “practicamente non queda empresario galego no sector das ambulancias, estando este en case a súa totalidade en mans de Ambuibérica, e iso pese a que as relacións laborais non fixeron máis que empeorar ao igual que a calidade asistencial”. O PSOE tamén dixo que levará o asunto ao Parlamento.
Fontes do sector aseguraron a GC que as ofertas de Ambuibérica eran tan baixas que parece moi difícil que poida pagar uns salarios dignos a profesionais cualificados. A CIG leva anos denunciando o incumprimento do prego de condicións polo que Ambuibérica gañou o concurso, o que en última instancia mingua a calidade do servizo público de ambulancias do SERGAS.
A Fundación 061, dependente da Consellería de Sanidade, nega calquera irregularidade no concurso. De feito, o técnico imputado continúa no seu posto.
Preguntado sobre a investigación xudicial, o presidente da Xunta saíu en defensa de que continúe no seu posto o traballador público investigado, que é familiar da que fora a súa parella sentimental. Alberto Nuñez Feijóo tamén tentou menoscabar a credibilidade ao denunciante, lembrando que é un empresario con intereses do sector.
A xuíza Margarita Guillén declarou complexa esta investigación. Polo tanto, a súa instrución pode durar até 18 meses.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.