A mañá despois de Vistalegre

A carreira desta segunda Asemblea Cidadá estatal de Podemos chega ao seu fin, afortunadamente. Durante este proceso, correron moitos litros de tinta sobre loitas cainitas, enfrontamento de correntes e fracturas de liderazgos. Non quedou sitio para a política, a pesar dos esforzos de Podemos en Movemento.

Por Patricia Grela González | A Coruña | 10/02/2017

Comparte esta noticia
A ausencia de debates políticos de calado e a pretensión de afianzar unha polarización, de por si perversa, está levando a unha fisura nas inscritas, alentando comportamentos máis propios de clubes de fans que de organizacións políticas. Tampouco vamos a negar que existen intereses por ambas partes de que isto sexa así. 
 
Persoalmente, non me preocupa que nunha organización democrática os líderes máis visibles discrepen en ningún dos planos -político, estratéxico ou orgánico-, a miña preocupación está máis aló de Vistalegre e ten que ver co que pasará o próximo luns. 
 
A persoa que asuma a coordinación do partido ou a Secretaría Xeral deberá ter unha capacidade política e conciliadora que ata o de agora non precisou. Non se trata de gañar ou perder, senón de conseguir saír fortalecidas e unidas. Ao meu entender, isto só se consigue cun grande respecto á diversidade e o disenso e tendo, a posteriori, os debates políticos que nos negamos a ter neste proceso, sen caer no recurso fácil e clásico do peche de filas. Nesta etapa, toca facer as cousas de xeito distinto, máis cooperativo e conciliador e deixando atrás a lóxica da competitividade, o que se ven chamando feminizar a política. 
 
En Galicia sabemos bastante disto, por iso o que aconteza tras Vistalegre é tan vital. O estancamento que vive a nosa organización desde xa fai tempo, vén motivada por un xogo de bandos ficticio e interesado que nada ten que ver con ideas políticas ou faccións madrileñas, senón toda unha sorte de filias e fobias persoais que cada día se enrocan máis. Supera-las é vital para prosperar como partido e levar a cabo un proceso de maduración que nos permita ter debates, posicionamentos, consultas e tomas de decisión consensuadas de xeito honesto e responsable como mostra dunha boa saúde democrática. Se conseguimos este obxectivo o noso afianzamento como espazo de empoderamento político cidadá dará un paso de xigante dentro desta sociedade individualizada e desclasada e poderemos seguir traballando para acadar ese cambio social para o que viñemos aquí. 
 
Estar á altura do tempo político que nos toca non é nada fácil, pero asumamos que é o listón que nós mesmas nos puxemos e que agora tócanos afrontar. Non nacemos para ser un partido máis do arco parlamentario. Os retos que nos agardan e que en certa medida xa os estamos asumindo en Galicia, van máis aló do orgánico. Estamos nun momento no que é a propia sociedade a que demanda a necesidade de organizacións líquidas, permeables e flexibles. Isto precisa dunha gran xenerosidade e dunha fuxida das lóxicas capitalistas e patriarcais da propiedade, das ansias de protagonismo e de loitas competitivas. Deixemos atrás o amor polas siglas, os reproches, a posesión da verdade absoluta e sexamos simplemente cidadás empoderadas con ansias de cambio que asumindo os seus vicios e virtudes, están dispostas a traballar xuntas e en pé de igualdade sen importar de onde vimos.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Patricia Grela González Chámome Patricia Grela González e teño 26 anos. Nacín na Coruña e vivo actualmente en Arteixo, onde colaboro activamente no Círculo e pertenzo ao Consello Cidadán Municipal. Son Diplomada en Educación Social e creo firmemente en que a educación é a ferramenta para mellorar a sociedade e as persoas. Formeime do campo da Educación para a Paz e o Desenvolvemento, o consumo responsable e a Educación Ambiental. Actualmente, colaboro con Cruz Vermella no ámbito das persoas maiores, familias con dificultades sociais e infancia, aprendendo de técnicos especializados en intervención social.