Admitamos que realmente teñen unha sensibilidade especial coa desigualdade entre homes e mulleres, admitamos que queren defender as mulleres. A pregunta aquí sería: que modelo de muller defende o Partido Popular?
Galicia Confidencial publicaba a concesión de axudas a mulleres en risco de vulnerabilidade social das que saían beneficiadas asociacións antiabortistas como Red Madre. Esta convocatoria saíu da Secretaría de Igualdade e foi en parte financiada polo FSE, un fondo europeo destinado a «Promover a inclusión social, loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación».
Esta situación fai saltar todas as alarmas nos colectivos e nas persoas que defendemos a liberdade das mulleres para elixir sobre os seus corpos e as súas vidas. As que temos un concepto de igualdade baseado na loita contra o patriarcado e no remate dos estereotipos de xénero que reducen ás mulleres a meros corpos xestantes non entendemos a “igualdade” do PP. Sentimos que temos moito traballo por diante cando seguimos escoitando noticias como estas, nas que unha asociación, creada para disuadir e manipular a mulleres moi novas sobre a súa capacidade de elección na maternidade, segue a recibir financiamento con cartos públicos baixo o pretexto da protección ás mulleres.
A aprobación dunha ILP promovida por Red Madre no parlamento galego foi a primeira iniciativa que aprobou a maioría do PpdG. A iniciativa chegou ao parlamento grazas ao traballo de Hazte Oír e o Foro Español de la Familia na recollida de sinaturas, feito moi revelador sobre qué protección queren facer sobre as mulleres.
Esta lei preséntase como unha necesidade de asegurar a “liberdade da muller para elixir” e pretende crear unha rede de mulleres embarazadas en risco de exclusión social, algo no que, a priori, todas concordariamos. Non obstante, quen fai a lei, fai a trampa: unha das prioridades que establecen é a creación de centros de asesoramento á muller embarazada nos que a suposta liberdade de elección, queda suxeita a súa ideoloxía ultraconservadora e a información que dan ten como única finalidade impedir que as mulleres exerzan o seu dereito fundamental ao aborto.
Non estou en contra de que existan estas asociacións, todas as ideoloxías deben ter espazo para a súa liberdade de expresión. Outra cousa é o que está a facer o Partido Popular neste caso, que é facilitar unha financiación pública a actividades que van en contra dos dereitos fundamentais das mulleres.
Quizais é hora de que o partido do goberno galego remate co seu carnaval e nos diga a todas as mulleres que espera de nós, que concepto ten de igualdade cando adica máis esforzos a defender a súa imaxe que a verdadeira protección dos nosos dereitos e das nosas vidas. Polos menos deixaríamos de perder o tempo.