Ambulancias en loita

O vindeiro martes día 20 a CIG, o sindicato maioritario de Galiza, xunto cos traballadores e traballadoras do sector das ambulancias convocan unha concentración diante da Consellería de Sanidade en Compostela para esixir a aprobación dun convenio colectivo que chega con dous anos de retraso.

Por Patricia Grela González | A Coruña | 19/02/2018

Comparte esta noticia
Se existe un sector habituado a loitar nas rúas, é o das emerxencias sanitarias. Dende fai anos, a precariedade caracteriza este sector cada vez máis formado e especializado que non ve ningunha contraprestación na súa situación laboral.
 
Despois de estar durante máis dun ano loitando polo cumprimento dun convenio laboral xa caducado, o sector encóntrase nun limbo provocado por un oligopolio de empresas concesionarias que se negan a sentarse a negociar, mentres a Xunta de  Galicia mira cara outro lado.
 
Son continuos os atropelos aos dereitos dos traballadores e traballadoras, con reducións de plantillas, rebaixa dos salarios, incumprimentos nas condicións hixiénicosanitarias ou nas condicións laborais, sen embargo, isto non parece ser impedimento para seguir conseguindo concesións en todo o estado español.
 
A Xunta de Galicia continúa provocando a precarización no sector do transporte sanitario consentindo e favorecendo que as empresas concursen por debaixo do prezo estipulado, sabendo que provocará despidos e incumprimentos dos servizos e dos convenios establecidos. Os equipamentos, as bases, a uniformidade, son só algúns exemplos de como as empresas pretenden gañar cartos a base de recortar en servizos mínimos para un axeitado tratamento sanitario.
 
A última estratexia de manipulación das grandes empresas como Ambuibérica, Ambulancias Casablanca, Ambulancias Carballosa ou Salutrans é a de renunciar ás adxudicacións concedidas para obter maiores beneficios á costa do carto público. As ambulancias de emerxencia das comarcas do Barbanza, Santiago, O Salnés, Lugo centro ou a Costa da Morte corren perigo tras a retirada das empresas adxudicatarias.
 
Noutros concellos, a situación pode ser peor, pola perda de servizos de noite, como pode ocorrer en Arzúa. A falta de información ao respecto e o menosprezo da Administración Autonómica está a provocar moita axitación entre as persoas que queren pór solución a este continuo desleixo. 
 
A situación na que se atopa este sector non é máis que o resultado da constante privatización de servizos públicos, convertidos nun negocio moi lucrativo ao servizo de  empresas que podan permitirse grandes rebaixas nas ofertas públicas a costa dos traballadores e traballadoras e, sobre todo, da cidadanía que vemos como se recorta na atención sanitaria, neste caso, no transporte tanto de emerxencias como programadas.
 
A comezos do pasado ano a sombra da corrupción abafaba o sistema de adxudicacións pola sospeita de “chivatazos” das condicións requiridas ás empresas que gañaban os concursos públicos. Con delito ou sen el, o que está claro é que non podemos seguir consentindo o enriquecemento duns poucos a costa das persoas que traballan nunha profesión con altas doses de esixencia física e mental, que precisan equipos axeitados e unha formación continuada para levar a cabo o seu traballo. En lugar diso, atópanse cun constante acoso e derribo que impide levar a cabo unha atención sanitaria de calidade que teña como finalidade salvar e mellorar as vidas das persoas.
 
Como pobo, é preciso que entendamos que as condicións nas que traballan aquelas que nos atenden nos momentos máis duros repercute directamente nas nosas vidas e non se trata dos problemas duns poucos senón de todas e todos nós. Dimos exemplo o pasado 4 de febreiro saíndo as rúas para defender a nosa sanidade, a
sanidade pública, a sanidade de todas. Sigamos loitando porque as batallas son moitas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Patricia Grela González Chámome Patricia Grela González e teño 26 anos. Nacín na Coruña e vivo actualmente en Arteixo, onde colaboro activamente no Círculo e pertenzo ao Consello Cidadán Municipal. Son Diplomada en Educación Social e creo firmemente en que a educación é a ferramenta para mellorar a sociedade e as persoas. Formeime do campo da Educación para a Paz e o Desenvolvemento, o consumo responsable e a Educación Ambiental. Actualmente, colaboro con Cruz Vermella no ámbito das persoas maiores, familias con dificultades sociais e infancia, aprendendo de técnicos especializados en intervención social.