Por Galicia Confidencial | A Coruña | 22/02/2017 | Actualizada ás 09:00
Amnistía Internacional prepara un acto para o día 4 de marzo en varias cidades e vilas galegas baixo o lema ‘Que veñan os 17.000’, a cifra de refuxiados que o goberno de Madrid se comprometeu, hai xa dous anos, a asumir e dos que apenas foron recibidos un 10%.
Por iso, esta entidade pediulle aos concellos galegos que se comprometeran cunha cifra precisa de persoas que poderían acoller e que nesas cidades se realice un acto simbólico de “corte de cinta” como lugar de acollida. A organización recorda que existen fondos europeos destinados a estas políticas de acollida e pide que o goberno español libere ese diñeiro para que sexan as institucións municipais e as deputacións quen xestionen esas políticas, “para que non caia todo o peso sobre as ONG”.
Mundo “máis desigual”
Amnistía Internacional presentou este martes na Coruña o seu informe 2016 no que conclúe que a defensa dos dereitos humanos perdeu terreo pola crecente debilidade das institucións internacionais e que o mundo é máis desigual que hai un ano.
Respecto de España (o informe non se para a analizar as comunidades autónomas), a organización subliña que segue habendo torturas e casos de abusos policial que as máis das veces non se investigan en profundidade. Tamén alerta sobre a desatención por parte do Estado das vítimas e familiares dos crimes do franquismo, un exemplo de como a quebra da vontade política debilita ás ferramentas da xustiza.
“A democracia e o Estado de Dereito non teñen valor ningún en moitos países do mundo”, avanzou Marga González, profesora e activista desde os oitenta, que advertiu como a crise dos refuxiados está impulsando actitudes populistas en gobernos europeos “que consideran que hai persoas que son menos que outras”.
Menos liberdade de expresión
Os responsables de Amnistía Internacional no país –Marga González estivo acompañada por Antonio Alonso- alertaron de outras violacións dos dereitos humanos que se producen tamén no Estado español. “O un retroceso na defensa dos dereitos vai en paralelo aos retallos na liberdade de expresión e á extensión dunha linguaxe xenófoba que acusan a maioría dos países europeos”, explicou Antonio Alonso, que denunciou ademais que se siga “intentando apagar o lume do terrorismo con máis gasolina” sen ter en conta que “a defensa dos dereitos humanos en todo o mundo é o mellor combate contra o terror”.
Os activistas fixeron ademais mención expresa ao cambio climático e alertaron en concreto das consecuencias que o quecemento do planeta ten xa en distintas áreas sobre a saúde e a alimentación das poboacións. E tamén se referiron ás coñecidas como expulsións en quente de inmigrantes, unha práctica que sinalan que é ilegal e así llo recordan ao goberno español.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.