Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/03/2017 | Actualizada ás 10:09
A Gala dos Premios Mestre Mateo 2017 proclama este sábado, día 4 de marzo, o mellor da produción audiovisual galega do ano pasado en 25 categorías e renderá homenaxe ao xénero dos musicais no cinema.
O evento, que presentará no Palexco da Coruña Iolanda Muíños, contará coa dirección do actor Manolo Cortés e nela participarán as actrices da compañía A Panadaría cunha banda de músicos en directo dirixida por Ramón Orencio.
A gala comezará cun vídeoclip que converterá en musicais o catro películas nomeadas a mellor longametraxe para, a partir de aí e sempre en clave de comedia, ir enlazando a entrega dos diferentes premios con varios monólogos e tres números musicais. No transcurso da gala faráselle entrega do premio de honra Fernando Rey á directora de arte Marta Villar.
No encontro de nomeados fíxose a entrega do premio especial 'José Sellier', que a Academia Galega do Audiovisual concedeu este ano ao programa 'En xogo' da TVG.
Tras a entrega, o xornalista Alfonso Hermida dedicou o premio "aos pioneiros do xornalismo deportivo en Galicia" e aos "centos e centos de profesionais que nos seus 31 anos de historia pasaron por En Xogo".
Así mesmo, tivo un recordo especial para quen foi lingüista e colaborador do programa, Salvador Pérez Froiz, "polo traballo de documentación e divulgación que realizou dunha linguaxe entón practicamente descoñecido e que hoxe está asumido por todos os profesionais e espectadores dos programas deportivos en Galicia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.