SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2017 | Actualizada ás 18:06 por EUROPA PRESS
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, opinou que o rural galego "ofrece un amplo e variado abanico de posibilidades" para aqueles que queiran "obter unha renda digna".
Vázquez expresou isto na clausura da xornada 'Incorpórate', organizada por Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) en Santiago, onde estivo acompañada pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, e a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.
Alí, a titular de Medio Rural felicitou aos mozos que se incorporaron ao rural "por apostar" polo "cambio xeracional" no campo galego.
Ademais, indicou que, desde o ano 2007, "618 mozos" decidiron dedicarse ao sector primario, o que supón "un 89,57% máis que a media de incorporacións desde o ano 2007".
"A oferta do agro é moi ampla e para que se consolide é preciso traballar en políticas que posibiliten unha dinamización diversificada da economía nas áreas rurais", manifestou Ángeles Vázquez.
"30 VARIADADES" PRODUTIVAS
Así mesmo, incidiu en que, a pesar de que os sectores do vacún e o lácteo concentran máis da metade dos investimentos no rural, existen outras "30 variedades" de produción que poden resultar "atractivas" para os mozos que opten polo campo como medio de vida.
Entre elas, destacou "os invernadoiros de hortaliza, enxames, viñedos, caracois, sementeros ou cogomelos", para logo apuntar que esta oferta debe ir acompañada de "servizos básicos" para a poboación co obxectivo de "reducir a diferenza entre as rendas agrarias e as urbanas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.