A persecución

Fai algo mais de 50 anos, en 1966, Arthur Penn dirixiu unha das súas películas mais coñecidas: “The Chase”, que por estes pagos foi distribuida co título de “A Xauría Humana”, no canto da tradución literal: a persecución, a caza.

Por Emilio Martinez | Lugo | 10/03/2017

Comparte esta noticia
Protagonizada por Marlon Brando e Robert Reford, e coa participación doutros interpretes da talla de Jane fonda ou Robert Duvall a película transcorre nunha pequena poboación rural de Texas e narra como un grupo de persoas, tan zafias como aburridas e bebedas, lánzase, posuídas pola crenza de que deben tomarse a xustiza pola súa man, á caza dun preso, que de feito fortuíto vírase involucrado, durante a súa fuxida, nun asasinato. A búsqueda desemboca nunha espiral de violencia, na que apenas un puñado de persoas conserva a cordura. 
 
Non contarei o final por respecto a quenes non tiveran a oportunidade de ver esta obra, creo que indispensable na historia do cine, a pesares de que a diferenza doutras películas, como “Bonnie and Clyde” ou “The Miracle Worker” do mesmo director, non lle tivera significado unha nominación aos Oscar.
 
Situacións como  as descritas en “A Xauria Humana” non son novas, e non son alleas, non vaiamos a pensar, ao noso contexto social ou político.
 
O visionado da película fixo que voltara a recordar as imáxenes, que en agosto de 1993 deron a volta ao mundo: a paliza que unha horda de mozos, vinculados á esquerda nacionalista vasca daquel moment: Jarrai, HB… propinaron a un ertzaina, Ander Susaeta, polo mero feito de ser policía. En xaneiro de 1995 a Audiencia de Bilbao condenou a prisión a 12 persoas,outras  cinco foran absoltas por non poder ser recoñecidos nas gravacións. Aquelas imáxes que a defensa dos acusados tentaran por todos os medios invalidar, mostraban como Susaeta recibia unha chea de puñetazos, pancadas, labazadas, sen ningunha posibilidade de defensa, sen ningunha posibilidade de fuxida, rodeado por unha masa vociferante, rodeada por unha masa que cría estar en posesión do dereito a quitar a vida, do mesmo xeito que o facía ETA. As condeas foron ao ano seguinte non confirmadas polo Tribunal Supremo senón incrementadas, o que desembocou nunha campaña de acoso contra aqueles que foran testemuñas no xuizo, acoso contra aqueles que foran capaces de rachar coa lei do silencio imposta en tantos lugares do País Vasco durante tanto tempo.
 
A mediados de outubro de 2016 en Alsasua, ao norte de Navarra, a combinación de fanatismo e alcohol deron lugar a outra situación que podía ter rematado en traxedia. Esta vez dous gardas civís, e as súas compañeiras, foron golpeados nun bar polo mero feito do seu oficio, tiveron a ma sorte de atoparse no mesmo lugar que onde estaban quenes seguen a considerarse en posesión de verdades absolutas, en posesión do dereito a decidir quen pode estar, a onde se pode ir, que se pode pensar, que se pode facer…
 
Afortunadamente as agresións non revestiron a gravidade á que podían ter chegado, coñecendo os precedentes. É difícil que os comportamentos violentos, que as  tentativas de impoñer unha forma de pensar pola forza sexan erradicadas en pouco tempo, nunha sociedade como a vasca na que esa foi, para sectores amplos, a forma de chegar aos seus obxectivos políticos. Unha sociedade, non o esquezamos, nas que unha parte xustificaba, e celebraba, o tiro na cabeza a quen vestira uniforme, ou a quen se atrevera a facer públicas ideas que foran incompatibles coas que eles defendían...
 
O que me chama a atención non é que sucederá a agresión. Como dixen é de esperar que feitos como eses sigan sucedendo, por moito que a parte mais política de Sortu se empeñe en aparentar que ten abrazado os principios da convivencia democrática.  O que chama a atención é o que logo sucedeu.
 
Varias das persoas detidas en Alsasua polas agresións foron encausadas por terrorismo. Son as reaccións que isto causou o que me sorprende mais. 
 
Estou seguro que ata o mais mediocre dos alumnos de Ciencias Políticas remata o primeiro cuadrimestre do primeiro curso sabendo que un dos principios básicos dun sistema democrático é a división de poderes: lexislativo, executivo e xudicial. Cada un deles ten o seu ámbito e cada un deles é independente, e cada un deles debe respectar aos outros. É un principio básico: si a división de poderes flaquea, irremediablemente flaquea a saude do sistema democrático. Podemos velo na práctica, dunha banda Noruega, por poñer un exemplo, da outra banda, por exemplo, Venezuela. 
 
Pero a importancia da división de poderes non semella tanta para o Parlamento de Navarra, onde ante a encausamento dos detidos pola agresións como delito de terrorismo, Geroa Bai, EH Bildu, Podemos e Izquierda-Ezquerra, o  bloque que sustenta ao goberno navarro presidido por Useu Barkos, aproba, en decembro, unha declaración que remiten á Audiencia Nacional na que: “manifestan o seus desacordo coa calificación penal dos feitos investigados como delito de terrorismo, que poden acarrear o cumprimento de penas desproporcionadas aos mozos encausados”. 
 
O Parlamento de Navarra cruzou unha liña que nunca debería ter cruzado. Ante unha actuación xudicial o deber de toda institución é simple: deixar que os procedemento xudicial siga o seu curso. Calquera pronunciamento institucional, a favor ou en contra, simplemente sobra e está fora de lugar. O sistema xudicial español conta con recursos suficintes para que calquera posible erro na instrución, mesmo a propia calificación do delito, sexa corrixido.Como se veu vai uns días. E os acusados contarán con procedementos para defender os seus dereitos, incluído a súa inocencia.
 
A declaración do Parlamento de Navarra sobra nunha sociedade democrática, e so pon en evidencia que gobernar co apoio directo ou indirecto dunha forza como EH Bildu/Sortu ten un prezo: a dignidade das institucións. O refrán o di moi ben: “Unha mazá podre podrece todo o barril”. 
 
Eu pregúntome: non é acaso a declaración do Parlamento de Navarra un intento de influír no poder xudicial?. Cal é a diferenza con respecto ás presuntas presións sobre fiscais como as que teñen acontecido en Murcia ou noutros lugares?. 
 
E unha pregunta para rematar: é posible agardar das forzas que apoian ao goberno de Navarra, nomeadamente Podemos, respecto pola división de poderes si algún día chegan a gobernar en Madrid?. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.