Os actores galegos alertan de enchufismo no CDG

A Asociación de Actores denuncia que o Centro Dramático Galego, que depende da Xunta, selecciona o elenco para a última obra mediante "irregularidades".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2017 | Actualizada ás 19:29

Comparte esta noticia

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) denunciou "falta de transparencia" e supostas "irregularidades" no proceso de selección do elenco de 'Martes de Carnaval', obra de Valle-Inclán que prepara o Centro Dramático de Galicia (CDG).

Billeteira do Centro DRAMÁTICO Galego.
Billeteira do Centro DRAMÁTICO Galego.

Respecto diso, a AAAG critica de novo o formato de concurso público empregado para a selección de persoal, xa que "resulta inviable aplicarlle os principios da lei de función pública ao sector das artes escénicas". Unha queixa que o sector trasladou "en reiteradas ocasións" tanto ao CDG, como á Consellería de Cultura e á Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Nun comunicado, sostén que neste proceso a Administración galega "foi incapaz de cumprir coa legalidade", "actuando con irresponsabilidade e opacidade", a través dunha convocatoria cunhas bases nas que "os principios de mérito e capacidade diluíronse e case desapareceron", o cal "impide aos actores e actrices demostrar a súa idoneidade".

De tal forma, acusa ao CDG e Agadic de ser "os únicos responsables" "da gravidade da situación". Por unha banda, por un concurso público "inaplicable ás particularidades do sector", que "imposibilitaría" que o director puidese elixir ao seu propio elenco; e, por outra banda, por que a administración "continuou co desenvolvemento do procedemento" a pesar de "ser palpables certas irregularidades".

Por iso, os actores galegos instan á Consellería de Cultura á creación dunha comisión intersectorial nun prazo de 30 días para abordar o futuro do CDG, así como os procedementos de selección de actores e actrices, xa que "o modelo de concurso público é inaplicable para a profesión e non se pode volver repetir".

Tartufo representado polo CDG
Tartufo representado polo CDG

DENUNCIAS

No relato dos feitos que realiza a AAAG censúrase que en xaneiro xa se publicou a listaxe de actores e actrices candidatos coas súas puntuacións sen que previamente se anunciase a elección do tribunal, nin os méritos para formar parte do mesmo.

A continuación, indica que non foi ata o 3 de febreiro, despois de cualificarse aos aspirantes en primeira fase, cando se fai público o tribunal, no cal "varios dos seus membros incorrerían en diversas causas de abstención e que, por tanto, deberían abandonar o conxunto do expediente".

"No entanto, a administración obviou tales causas e simulou a constitución do tribunal e a emisión de puntuacións, saltando as leis que rexen as bases deste concurso público e cometendo unha gran irresponsabilidade: permitir que un total de 244 actores e actrices estivesen a concorrer a un concurso sen garantías, á vez que puxeron nunha situación insustentable aos directores e os seus axudantes para cumprir o seu traballo e funcións", arremete a AAAG.

Ademais, remarca que ese mesmo 3 de febreiro Agadic publicou outra resolución na que anunciaba "de modo pouco transparente" a renuncia de tres membros do tribunal e a substitución por outro tres persoas, en "un evidente vicio no procedemento".

A isto únese que se "imposibilitou" aos concorrentes aos postos o acceso á desagregación e ás motivacións das súas puntuacións, "dificultándose así calquera tipo de alegación".

Finalmente, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia insta os responsables políticos a que "ofrezan as debidas explicacións" polo ocorrido e busquen solucións de futuro, posto que "nin a profesión nin a administración poden volver atravesar unha situación como a actual".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta