Por E.P. | A CORUÑA | 21/03/2017 | Actualizada ás 09:00
O ex líder da UPG e ex deputado no Congreso e na Cámara Galega, Francisco Rodríguez, pode xa presumir de ter un novo premio. Será o que lle concederá a Federación Galiza Cultura o 22 de abril polo seu "servizo" á cultura galega. Así o expuxo a presidenta desta entidade, a tamén ex deputada Pilar García Negro, na presentación do I Premio Nacional Galiza Cultura que terá carácter anual.
En rolda de prensa, acompañada por representantes da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, da Agrupación Alexandre Bóveda, da Mesa pola Normalización Lingüística e da Asociación Medulio de Ferrol, tanto García Negro como os demais asistentes ao acto enxalzaron o labor de Francisco Rodríguez como escritor, investigador e "a súa colaboración con asociacións culturais".
Do exlíder da UPG, Pilar García Negro destacou tamén o seu "rigor" e a súa "honestidade". Ademais, subliñou que, durante 12 anos no Congreso "representou brillantemente" a Galicia. Na mesma liña, enxalzou o seu labor sociocultural tanto na súa etapa de docente como con posterioridade. Ademais, remarcaron os seus traballos sobre Rosalía de Castro ou sobre a situación lingüística en Galicia.
"CULTURA REAL"
Con este Premio Galiza Cultura, Pilar García Negro explicou tamén que buscan pór en valor "a cultura real, non monárquica". "Hai que desfacer esa falsa ecuación de que cultura é igual a institucións", apostilou.
Ademais, a tamén exdiputada autonómica do BNG arremeteu contra unha Consellería de Cultura "que non existe". En concreto, denunciou "o alarmante descenso" das políticas destinadas a reforzar a programación cultural e "a falta de interese político real" neste ámbito.
"O campo da cultura está, ás veces, moi contaminada de ostentación, de representación clientelar e mesmo caciquil", dixo tamén ao subliñar, fronte a iso, o traballo de persoas como o premiado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.