Feijóo: axenda imposíbel

«A semana que vén non teño tempo para crises: a miña axenda xa está ateigada.» O sarcasmo atribúese a Henry Kissinger, diplomático guerreiro. Ao Feijóo ocórrelle o mesmo, amoréanselle expedientes negros na mesa; non hai lugar para máis.

Por Manuel M. Barreiro | Santiago | 03/02/2010

Comparte esta noticia

A súa cordial política abriu sobrados frontes de malestar. Fusión imperativa das caixas, decreto de anormalización lingüística no ensino preuniversitario, programación frustrante do Xacobeo... Algúns están dormentes (decreto eólico...), outros son desclasificados por fieis profesionais do silencio que eximen a Feijóo de toda responsabilidade na xestión da crise económica. Se fose outro goberno o que terían que aturar...

Comeza a estenderse unha mol desafección en medios amigos que, desencantados, ven como as maiores mercedes son para a Corporación Voz. Acrecéntase tamén a preocupación nos conservadoras ao comprobar como o presidente medra en arrogancia o que mingua en popularidade. O asalto marrado ao santuario baltarista desmellorou a súa autoridade presidencial. Feijóo xa sabe o que é perder na casa e, desde hai dous meses, xoga á defensiva.

Non é de estrañar que se enxerguen algunhas operacións de prudente retirada ou destinadas a arrefriar malestares. As manobras orquestrais do titular de Cultura co Xacobeo compostelán ou para reconstruír a cohabitación cos axentes culturais ensimesmados. A oferta de Feijóo ao goberno central para pulir a Lei de caixas e zafar do seu recurso. A proposta en baixa voz dun decreto lingüístico de 50-50 sen pechar que no futuro se traballe para o inglés.

Non hai nada que lexitime máis que un bos resultados. Esta é máxima do conservadorismo eficientista do que fai apoloxía Feijóo desde a súa investidura. Ás portas do primeiro aniversario no poder, non hai éxitos cegadores dos que fachendear. Pobre en iniciativas construtivas, urxido de resultados, preside un goberno en devalo. É seguro que non lle bastará co apoio das maiorías silenciosas, se non cambian as tornas axiña serán maiorías vociferantes na súa contra. Dinlle que é tempo de estratexias contemporizadoras, de retirarse e tomar un respiro... A prudencia discute coa arrogancia en Monte Pío.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA