Por Galicia Confidencial | Noia | 09/02/2010 | Actualizada ás 14:37
Polo xornal colaborador Certo
Fernando F. Rego é o administrador da web www.lafonoteca.net., unha potentísima base de datos sobre música española na que hai abondosa documentación tamén sobre a escena galega. Precisamente diso vai esta obra que se lanza en abril: o libro constitúe unha base de datos dos grupos imprescindibles da música galega dende os anos 60 do século pasado, coa súa biografía e discografía comentada. Nesa recopilación participan, ademais do autor, especialistas como Antonio de Los Cafres, Jesús Ordovás (o de Diario Pop), Emilio José, Xavier Valiño e outros.
Sairá á venta cun dobre CD no que se inserirán cancións de Apeiro, Emilio José, Novedades Carminha, Triangulo de Amor Bizarro, Franc3s, Sevigny, The Homens, Quant, Roger de Flor, Niño y Pistola, Maryland, Igloo, Holywater e máis. O deseño do libro está feito por Pablo Portero, ao que xa coñecemos en Certo, e que tamén edita en Toxosoutos un libro en galego sobre o guión.
Fernando Fernández Rego é licenciado en Química e profesor de ensino secundario. Dende hai uns anos é administrador da web musical La Fonoteca, ademais de colaborar con distintos medios tanto dixitais como impresos. O seu campo de batalla tamén abarca á literatura e no 2009 publica a súa primeira novela Desorden (Ediciones Oblicuas), un tratado de existencialismo post punk no que Joy Division se encarga da banda sonora. Un ano despois sae á luz este "50 Anos de Pop, Rock e Malditismo na Música Galega".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.