(Vídeo) Tralas bambolinas de 'Sericum': unha ponte de seda entre culturas, soños e emocións no Teatro Colón da Coruña

O espectáculo do Conservatorio da Deputación converteu o Teatro Colón nunha viaxe máxica pola Ruta da Seda, entre historia, danza e beleza. Galicia Confidencial cóase nos ensaios previos.

Por Galicia Confidencial | A CORUÑA | 28/06/2025 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As noites do 18 e 19 de xuño, o Teatro Colón da Coruña transformouse nun escenario de viaxe e soño grazas a 'Sericum', a obra de fin de curso do Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña. Un espectáculo visual e emocional que levou ao público por un percorrido fantástico pola antiga Ruta da Seda, da man do talento do seu alumnado e do compromiso do profesorado. A cita foi moito máis que un peche de curso: foi unha celebración compartida do traballo constante, da paixón pola danza e da capacidade das novas xeracións para emocionar e inspirar. Dous días nos que a maxia escénica se mesturou coa historia, coa cultura e coa entrega dun grupo de estudantes que converteron o escenario nun fío de seda que nos conectou coas marabillas do mundo antigo.

Ensaios de 'Sericum', obra interpretada polo Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña
Ensaios de 'Sericum', obra interpretada polo Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña | Fonte: GC

'Sericum' --nome co que os romanos se referían á seda, ese tecido delicado e brillante que lles chegaba dende a afastada Serica, como chamaban daquela á China-- teceu ante os nosos ollos unha historia de rutas, de descubrimentos e de encontro entre civilizacións, inspirada nas lendas, paisaxes e personaxes que marcaron séculos de relación entre Oriente e Occidente. Dende os desertos de area e as montañas escarpadas, ata as cidades muradas de Uzbekistán, os vales de Afganistán, os imperios chineses ou os mercados de Persia, a danza converteuse en relato, en memoria viva. Cada escena era coma un retablo en movemento: figuras que aparecían e desaparecían entre luces e músicas, que nos falaban dunha humanidade común, de camiños compartidos e da forza transformadora da arte.

UN FÍO INVISIBLE QUE UNE PASADO E PRESENTE

O público converteuse en viaxeiro. Acompañou ás caravanas que atravesaban o deserto do Taklamakán, aos guerreiros das estepas de Mongolia, aos comerciantes das cidades de mil pontes e ata ao máis aventureiro de todos: Marco Polo. A través da danza, evocáronse as marabillas que o veneciano descubriu no seu famoso 'Libro das Marabillas': panos de seda, especias, perlas, porcelana e mesmo animais fantásticos coma unicornios --que Marco Polo identificou verdadeiramente como rinocerontes--. Mais 'Sericum' foi tamén unha homenaxe á curiosidade, á aprendizaxe e á emoción de bailar. Foi a recompensa a un curso de esforzo, ensaios, complicidades e superación. Cada movemento sobre o escenario falaba da paixón dos mozos e mozas por esta arte, e do coidado e profesionalidade dun centro que leva anos formando xeracións de artistas.

DANZA QUE ROMPE CO TEMPO E CO ESPAZO

Cartaz de 'Sericum', obra interpretada polo Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña
Cartaz de 'Sericum', obra interpretada polo Conservatorio Profesional de Danza da Deputación da Coruña | Fonte: Deputación da Coruña - Teatro Colón

Coma se fosen fíos de seda invisibles, os bailaríns e bailarinas do Conservatorio conseguiron, durante dúas noites, trasladarnos a outras épocas e outros lugares, rompendo as barreiras do tempo e do espazo. Non só contaron unha historia coa súa actuación, senón que nos fixeron sentila: a emoción do encontro, a tensión da aventura, o perfume das terras afastadas... O público respondeu con emocións sinceras e longos aplausos, nunha das galas máis coidadas e conmovedoras dos últimos anos. Cada interpretación foi un acto de beleza e de verdade, unha mostra do potencial artístico da mocidade e do valor dun ensino artístico comprometido, público e accesible.

ESPECTÁCULO QUE HONRA A HISTORIA, CELEBRA O PRESENTA E MIRA O FUTURO

A Deputación da Coruña, a través do seu conservatorio, segue apostando por unha educación artística pública e de calidade. 'Sericum' é exemplo diso: un espectáculo que honra a historia, celebra o presente e mira cara o futuro da danza con esperanza e beleza. Porque formar artistas non é só ensinar pasos, é tamén acompañar a construír miradas sensibles, conscientes, abertas ao mundo. E iso foi o que vivimos no Teatro Colón: unha mostra do que acontece cando se xuntan a disciplina, a emoción e o soño compartido. Galicia Confidencial cóase nos ensaios previos, cando os nervios destes rapaces e rapazas aínda estaban a flor de pel, para contarvos como se preparon para esta cita.

P.D. 'Non contei nin a metade do que vin, porque sabía que non me crerían'

---Marco Polo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta