A Xunta entrega hoxe as Medallas Castelao a Luar na Lubre, Víctor Freixanes, Emilio Pérez Neto, Rosa Rodríguez e Agaela

O recoñecemento celebrarase o sábado en Bonaval como homenaxe á contribución de persoas e entidades que destacaron na defensa da cultura, a sanidade, a empresa e os dereitos sociais en Galicia

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/06/2025 | Actualizada ás 09:58

Comparte esta noticia

Cinco figuras e entidades recibirán este sábado as Medallas Castelao 2025, o máximo recoñecemento civil que outorga a Xunta de Galicia. O acto terá lugar o 28 de xuño, ás 13:00 horas, no convento de Santo Domingo de Bonaval, en Santiago, e estará presidido polo titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, acompañado doutras autoridades como Miguel Anxo Santalices, presidente do Parlamento.

Actuación de Luar na Lubre
Actuación de Luar na Lubre | Fonte: Luar na Lubre

A entrega coincide, como é habitual, coa data na que se conmemora o regreso a Galicia dos restos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, símbolo do galeguismo e da loita pola identidade nacional. A distinción recoñece as traxectorias profesionais e vitais que teñen contribuído a engrandecer Galicia desde diversos ámbitos, como o artístico, literario, intelectual ou social.

Entre os galardoados deste ano está Luar na Lubre, grupo de referencia na música tradicional galega e con proxección internacional. Fundado na Coruña en 1985, o grupo cumpre este 2025 catro décadas de traxectoria, con máis de 2.000 concertos en 35 países e máis de 400.000 discos vendidos. Segundo destacou Rueda, "é unha das mellores embaixadoras da música galega polo mundo".

LITERATURA, DOCENCIA E LINGUA

Tamén se recoñece o labor do escritor, xornalista e editor Víctor Freixanes, quen ocupou a presidencia da Real Academia Galega durante oito anos. Rueda salientou o seu papel como "unha das voces máis importantes da literatura galega das últimas décadas" e subliñou o seu traballo como docente na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

EMPRESA FAMILIAR CON VISIÓN DE PAÍS

No eido empresarial, recibirase a Medalla Emilio Pérez Neto, presidente honorífico do grupo Pérez Rumbao, que conta con 50 empresas e máis de 1.900 traballadores no sector da automoción. Puxo en marcha a expansión do grupo familiar con apenas 23 anos e mantivo unha implicación activa en organismos como a Confederación de Empresarios de Galicia, a Asociación Galega da Empresa Familiar ou o Foro Económico de Galicia.

A VOZ DA ATENCIÓN PRIMARIA

O recoñecemento á sanidade pública materialízase este ano na figura da doutora Rosa Rodríguez Álvarez, recentemente xubilada tras 35 anos de servizo como médica de familia no centro de saúde de Adormideras, na Coruña. A súa traxectoria representa, segundo a Xunta, "a dedicación e constancia dos profesionais do sistema sanitario galego".

VISIBILIZAR A ELA E COIDAR FAMILIAS

Por último, será distinguida a Asociación Galega de Afectados de Esclerose Lateral Amiotrófica (Agaela), que traballa desde 2009 en prol das persoas afectadas por esta doenza neurodexenerativa. Na actualidade, ofrece apoio a máis de 130 familias galegas, promovendo tanto a visibilidade da enfermidade como a mellora da calidade de vida dos pacientes e os seus coidadores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta