Así son os budistas galegos

María Jesús Alonso Seoane, profesora da Universidade da Coruña, analiza a presenza desta relixión en Galicia, onde hai establecidos 21 grupos budistas e calcula que arredor de 3.000 seguidores.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/04/2017 | Actualizada ás 17:48

Comparte esta noticia

Galicia ocupa o sétimo lugar en número de comunidades relixiosas minoritarias en España. Cun total de 258 grupos, supón o 4,4% do total de 5.853 agrupacións estatais, situándose por detrás de Cataluña, Andalucía, Madrid, Valencia, Castela-A Mancha e Castela e León. Con todo, Galicia é unha das autonomías cun maior peso relativo de minorías relixiosas en relación á súa poboación. Destas, un estudo publicado no novo número de Aposta, Revista de Ciencias Sociales calcula que en Galicia pode haber arredor de 3.000 budistas repartidos en 21 grupos.

Budistas en Galicia
Budistas en Galicia | Fonte: lamatenzing.blogspot.com.es

O estudo, asinado pola profesora María Jesús Alonso Seoane, do Departamento de Análises Económicas e Administración de Empresas da Universidade da Coruña (UDC), apunta que "o budismo tivo en Galicia unha entrada tardía en comparación coas Comunidades mediterráneas. Con todo, o seu crecemento foi constante e exponencial, a metade dos centros apareceron na década de 2000".

Alonso Seoane sitúa a chegada das primeiras comunidades budistas a Galicia a partir da década de 1980. Tres foron as tradicións que chegaron aquí no inicio: o budismo theravada, o budismo tibetano e o zen. Pero foi na década de 1990 cando, segundo a autora, os tibetanos comezaron a chegar de modo xeneralizado ao noso país.

"O primeiro grupo desta tradición foi Dag San Kagyu-Vigo, que iniciou a súa andaina a finais dos anos 80 cun grupo localizado en Bueu (Pontevedra). O grupo carecía de centro e reuníase en casas particulares ata que se trasladou a Vigo, onde conta con local desde 1995. Ao tempo, creábase o Centro gelupa Ganden Chöeling de Coruña", explica a investigadora.

Aínda que a maioría de centros budistas instalados en Galicia son de mediados da década de 1990, case a metade dos grupos budistas galegos apareceron na primeira década do século XXI, "tras a concesión de notorio arraigamento por parte do Ministerio de Justiza de España", esclarece Alonso Seoane, quen matiza: "Algúns estiveron rexistrados anteriormente como asociacións culturais e uns poucos conservan esa clasificación na actualidade".

No seu percorrido pola historia do budismo en Galicia, a profesora da UDC lembra que "os grupos de meditadores de theravada chegaron a Galicia en 2002; son, maioritariamente, da comunidade Dharma Neru, máis coñecidos como os grupos de vipassana de Goenka, o fundador desta comunidade de practicantes. Máis que de grupos, se trataría de meditadores que seguen o método ensinado por este mestre e que se reúnen, ocasionalmente, para meditar xuntos".

En canto ao zen, a investigadora aporta que "os grupos da rama Soto teñen un percorrido temporal menor, creandose o primeiro deles o de Tui, en funcionamento desde 2008. Aínda que algúns dos pioneiros desta rama xa eran meditadores con outros grupos en Ourense, antes da chegada da escola Soto á Comunidade Autónoma, en 1996. Con todo, a primeira tradición zen en chegar ao noroeste peninsular fíxoo da man dunha rama católica que se preocupou por recuperar o misticismo cristián que fora expulsado da Igrexa no século III do primeiro milenio. Zendo Betania foi o primeiro grupo de practicantes de zen galegos (1981). No seu caso levan máis de trinta anos en Galicia sendo, por tanto, o primeiro grupo de meditadores nesta Comunidade Autónoma, seguido dos grupos tibetanos", expón a autora do estudo.

21 GRUPOS REPARTIDOS EN SEIS CIDADES

Atendendo ao número e variedade de escolas, en Galicia contabilizáronse un total de 21 grupos: 4 na Coruña, 3 en Ourense, 4 en Santiago de Compostela, 8 en Vigo, un en Tui e outro en Lugo.

Segundo os cálculos feitos pola profesora da UDC, a cifra estimada de budistas en Galicia é de 3.446 persoas, correspondendo á suma de 1.831 asiáticos potenciais budistas e 1.635 budistas galegos. Aínda que segundo os indicadores tidos en conta, "o número aproximado pode oscilar nunha pinza que se move entre un mínimo de 300 e un máximo que pode superar os 3.466", Alonso Seoane considera que "a cifra de 3.000 parece máis axustada á realidade que a dos 300 que pagan cotas cada mes nun centro, que só representaría un 11,5% do que poden mostrar indicadores máis amplos e realistas".

Ademais, segundo a investigadora, "hai que considerar o feito de que, tanto en budismo como noutras tradicións espirituais asiáticas, é común a práctica individual", ao que "cabe engadir que nalgúns casos, como o chinés, está mal visto tratar temas relixiosos ou expoñelos publicamente" ou, no caso do taoísmo, "falar de relixión supón afastarse do tao".

PERFIL DOS BUDISTAS EN GALICIA

A investigación da profesora María Jesús Alonso Seoane inclúe un traballo de campo, que se realizou con entrevistas semiestruturadas a membros dos 21 grupos budistas identificados no noso país. Isto permitiulle elaborar o perfil sociodemográfico dos budistas en Galicia. Así, atopou que estes se organizan en grupos pequenos, en cuxas prácticas semanais se poden contabilizar entre unha ducia a unha vintena de persoas adultas, con idades medias no intervalo de 30 a 40 anos, se ben hai membros desde os 20 aos 70 anos de idade.

Ademais, en xeral, observou unha "perfecta paridade de xénero, con algunhas diferenzas segundo as ramas". "En ocasións pode aparecer unha lixeira maioría de mulleres, caso do budismo tibetano, ou unha lixeira maioría de home nos grupos de zen", matiza a autora.

O perfil do practicante budista en Galicia é o de "alguén que está nun proceso de procura dun camiño para xestionar a súa propia vida e que, sen dúbida, non se atopa na actual sociedade de consumo". Máis detalladamente, "lonxe de ser un fenómeno importando da inmigración, o budismo supón unha interesante conversión na que se busca desterrar a angustia producida pola falta de valores sociais do mundo do que se é orixinario".

De feito, o "máis significativo" que atopou Alonso Seoane foi que "a proporción de conversos é moi superior a outras maiorías, posto que entre os budistas contabilizados, o 90% son nacionais españois e unha minoría son estranxeiros doutros países occidentais, normalmente europeos ou americanos", explica.

A profesora da UDC tamén comprobou que os budistas galegos "non impoñen a súa relixión aos seus fillos nin son partidarios da educación dunha determinada relixión aos nenos mentres estes non teñan unha madurez para comprender e elixir". En concreto, segundo o estudo de Alonso Seoane, "os budistas galegos consideran, de modo unánime, que a relixión non debe ser imposta; con todo, cren que é un aspecto moi importante na vida". 

No que se refire á súa proposta en canto a educación, optan por "non forzar aos nenos para ocupar parte do tempo académico en cuestións incomprensibles para eles que, ademais, poden producir rexeitamento cando son impostas", pero "si fan fincapé na educación en valores, educación para a paz, xestión de emocións, auto-coñecemento e desenvolvemento integral".

Algúns dos entrevistados pola profesora galega tamén remarcaron o "erro incomprensible que supón que a filosofía budista non forme parte do currículo académico dos universitarios que cursan estudos de filosofía". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Ilustrado

Para cando unha reportaxe sobre a Relixión Pastafari ?

2 Nin tribuno nin rei-deus

O Tíbet está moito mellor desde que se librou da ditadura feudal budista e liberou os servos.

1 Gamela

A Marea Budista podería revolucionar o Parlamento ! 3.000 meditando, igual non fora mala cousa para sair do labirinto !!!