Por Galicia Confidencial | Tui | 07/04/2017 | Actualizada ás 10:15
A experiencia docente e intercultural Ponte… nas ondas! será presentada en Brasil. Será no marco do XIX Congreso Mundial de Educadores e Educadoras que organiza a Universidade Estadual de Campinas – UNICAMP. No evento van participar entre 600 a 800 educadores do Brasil e de todo o mundo baixo o lema : Eu sou porque nós somos.
Ponte...nas ondas! presentará a sua experiencia na Mesa dos Povos da Lusofonia xunto con outros proxectos de diferentes países. Santiago Veloso, coordinador da Asociación en Galicia e Portugal, intervirá nunha das mesas do dia 11 xunto co sociólogo e profesor da Universidade Agostinho Neto de Angola, Laurindo Vieira e a profesora Débora Mazza, do Departamento de Ciências Sociais na Educação da UNICAMP de Brasil.
Ademais, no Congresso vanse expoñer os materiais editados pola asociación ao longo das duas décadas de actividades: o disco Meninos Cantores, o livro-disco Cores do Atlántico (publicado tamén no Brasil pola editora Latus da Universidade Estadual de Paraiba) e o libro-cd-dvd Na ponte. Estas publicacións chamaron a atención da organización do Congreso que recoñeceu nas actividades desenvolvidas por Ponte...nas ondas! unha excelente práctica pedagóxica intercultural merecente de ser divulgada aos educadores de todo o mundo.
Segunda informa a asociación nun comunicado, o tema escollido para a reflexión e o debate é o contexto social no que se desenvolven as prácticas educativas, cunha abordaxe directa ao papel dos educadores sociais, reflexionando sobre os campos de investigacións e as prácticas enfocadas para a construción dunha sociedade mais xusta e igualitaria.
Ademais das mesas de debates, das mostras de traballos, exposicións de proxectos, das tendas e da feira da economía solidaria, a diversidade cultural do Brasil terá unha importante presenza no XIX Congresso Mundial de Educadoras e Educadores Sociais que se inaugura no día 10 de abril no Centro de Convenções da UNICAMP en Campinas.
Accións do patrimonio inmaterial
No marco do Congreso, Ponte...nas ondas! mostrará as diversas accións que integran o patrimonio no proceso de aprendizaxe, tanto no ámbito formal como en contextos sociais abertos á comunidade.
Así, o traballo co patrimonio inmaterial galego-portugués no ámbito dos centros educativos de Galicia e do Norte de Portugal será unha das accións que serán divulgadas ademais dos Certames de Recolla, as Mostras da Oralidade ou a difusión do papel dos Tesouros Humanos Vivos. A transmisión deste patrimonio ás novas xeracións a través dos novos soportes dixitais en Internet é outra das liñas de traballo que os educadores coñecerán no Congreso.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.