Segunda tentativa para a transferencia da AP-9

Aprobado por unanimidade en comisión o ditame para pedir no Congreso a transferencia da titularidade da autoestrada do Atlántico.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 02/05/2017 | Actualizada ás 12:25

Comparte esta noticia

A comisión parlamentaria que aborda asuntos relativos á ordenación territorial aprobou por unanimidade dos grupos o ditame sobre a proposición de lei para pedir no Congreso dos Deputados a transferencia da titularidade e das competencias da autoestrada AP-9 a Galicia. Desta forma, prosegue o trámite para que o Parlamento galego volva pedir, co apoio de todos os grupos parlamentarios —PP, En Marea, PSdeG e BNG— que a titularidade desta autoestrada pase a ser da Xunta.

Autoestrada AP-9
Autoestrada AP-9 | Fonte: Europa Press

Para evitar o veto que xa exerceu o Goberno central na Mesa da Cámara Baixa, os catro grupos galegos prepararon un novo texto no que retiran os puntos nos que o Executivo sostiña o seu rexeitamento. En concreto, a nova proposta galega non contén o prazo máximo de seis meses para o traspaso efectivo da autoestrada e pon por escrito —nunha disposición adicional— que o cambio de titularidade non suporá ningún incremento dos créditos nin diminución dos ingresos previstos nos orzamentos estatais en vigor.

"GALEGA E LIBRE DE PEAXES"

Este martes, na comisión de ordenación territorial, o deputado do BNG Luís Bará chamou a "acabar con esta inxustiza histórica" co obxectivo de ter "unha AP-9 galega e libre de peaxes".

Bará, na súa intervención, destacou que este tema, que vén de antigo, está de "raibosa e escandalosa actualidade", e lamentou que os galegos leven "anos soportando esta estafa, inxustiza e vergoña", tras varios "intentos" de "pór freo" ao "espolio" que o Bloque identifica nas "excesivas peaxes".

Para o nacionalista, con esta nova proposición de lei "trátase de dar un primeiro paso para reverter esta situación" e "conseguir a titularidade da AP-9 para Galicia".

Iso, subliñou, "permitiría a supervisión do correcto funcionamento" da autoestrada, "a potestade sancionadora" ante "incumprimentos" e a xestión de tarifas de peaxes e descontos, entre outros aspectos.

"NEGOCIACIÓN RÁPIDA SE HAI CONSENSO"

Pola súa banda, o socialista Raúl Fernández advertiu de que "esta infraestrutura se pode xestionar mellor", posto que a xestión actual "presenta insuficiencias".

Deste xeito, criticou que "as elevadas peaxes limitan os beneficios" da produción autonómica e a competitividade das empresas de Galicia. "Os beneficios para a mobilidade están cernados polos custos das peaxes para familias, traballadores e empresas", censurou.

Neste sentido, o parlamentario do PSdeG considerou que "se hai consenso en Madrid, a negociación será moi rápida e a transferencia farase en mellores condicións".

"UN PEQUENO PASO"

Na súa quenda, o viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, avisou de que "alguén terá que dar explicacións de por que o PP en 2005 privatizou a prezo de ganga".

Ademais, reprochou que o Goberno vetase a anterior iniciativa para lograr a transferencia da AP-9 "con argumentos falsos sobre o custo do rescate".

Así, constatou que se chegou a este punto "cunha iniciativa rebaixada sobre a orixinal e sen a seguridade de que vaia a ser aprobada polo PP en Madrid".

"O PP de Galicia non é capaz de dicirnos hoxe que esta lei vai nin sequera a permitírselle tramitar no Congreso. Unha vez máis, demostrando Feijóo o moito peso que ten no Estado español", reprobou.

A pesar disto, resaltou que o seu grupo apoia o texto porque "podería ser un pequeno paso para xestionar mellor a AP-9" e concluíu: "Por nós non vai quedar".

"NON SERÁ UNHA TRAMITACIÓN FÁCIL"

Por último interveu Martín Fernández, en representación do PPdeG, quen se felicitou polo acordo no Hórreo, pero avogou por non "enganar", xa que "non se está falando de eliminar as peaxes senón de xestionar mellor a política de peaxes".

"Con esa transferencia poderiamos ter mellor control e unha política propia que respondese a eses criterios autonómicos", dixo. "Esta nova lei que aprobamos, este ditame, elimina algunhas desas trabas ou razóns ou alegacións que no informe do ministerio de Fomento impediron a tramitación anterior", argumentou.

Con todo, a continuación recoñeceu que "non será unha tramitación fácil" e que a aprobación en Galicia "non garante" superar todos os escollos en Madrid.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta