Si, pero non así

Hai unha intervención de Pablo Iglesias que estes días venme á cabeza. É cando interpelado por uns xornalistas, sobre a posibilidade dunhas segundas eleccións, respondeu que Podemos estaba cómodo nas campañas electorais, que se lle daban ben. Houbo segundas eleccións e a realidade doulle unha tremenda labazada na forma dun millón de votos menos que os acadamos apenas uns meses antes. Xa di o refrán que cuspir para arriba as veces trae desagradables sorpresas. As veces os erros son unha oportunidade para aprender, pero aprender esixe esforzos e non parece que os líderes de Podemos ou Izquierda Unida, sexa por separado sexa polo xunto, estean dispostos a facelos.

Por Emilio Martinez | Lugo | 19/05/2017

Comparte esta noticia
Existen abondosas razóns para que Mariano Rajoy, o Partido Popular, non goberne España. A corrupción é unha delas, tal vez mediáticamente a mais relevante estes días, pero non deberíamos perder de vista o concienzudo desmantelamento do sector público en beneficio do seu  entorno empresarial amigo, non deberíamos perder de vista tampouco a súa falta de políticas sociais efectivas, nin a suprema irrelevancia que España acadou no lustro pasado no ámbito internacional, tampouco debemos esquecer a falta dunha política de I+D+i, que é o mesmo que dicir unha soberana falta de visión de futuro, ou a catastrófica xestión da tensión coas institucións cataláns (e a súa cidadanía!), da que parece que agarde un choque de trens para logo vender a chatarra que quede… e suma e sigue, e suma e sigue.
 
Pero nada desto é novo, todo elo o sabíamos a finais de 2015.  O que as actuacións xudiciais e as pesquisas policiais van sacando á luz ofrece novos datos, pero non cambia no fundamental o panorama desolador que xa coñeciamos.
 
Podemos anuncia a finais de abril unha moción de censura a Mariano Rajoy. Está no seu dereito, sobradamente xunta a décima parte dos deputados e deputadas que o artigo 113 da Constitución esixe para que esta moción sexa presentada.
 
Pero como sempre unha cousa é o dereito legal e outro é a oportunidade política, e cousa distinta son as razóns políticas que levan a utilizar un recurso extraordinario.
É claro que o que menos lle interesa a Podemos é ganar esa moción de censura. Si o obxectivo da súa acción fora mudar o goberno calquera persoa con dous dedos de fronte, e unha mínima experiencia política, sabería que previo á presentación debería terse negociado coas forzas políticas necesarias para que a mesma  sexa aprobada. Porque os números dan: unha grande diferenza con mocións de censura previas, no Estado ou no Parlamento Galego, que non saíron adiante. Pola contra: alguén pensa que a moción de censura que chimpou a Fernández Albor da presidencia da Xunta de Galicia non foi precedida de intensas e longas negociacións nas semanas previas entre os grupos políticos que logo conformaron o goberno presidido por González Laxe?.
 
Fai algo mais dun ano Podemos foi incapaz de fixar un programa de goberno de mínimos, que posibilitara unha alternativa ao PP. Ben é certo que a tarefa non era doada. E agora… que mudou?. Cal é a oferta que fai a Cidadáns e ao PSOE?. Cales son os eixes do futuro goberno. Todos e todas contra Rajoy. Ok, súmome, pero... e logo que?. Case boto de menos os tempos de Julio Anguita e aquela matraca súa de “Programa, programa, programa!!”.
 
Esta moción de censura non é outra cousa que o taparrabos que Pablo Iglesias saca do armario legal para ocultar a vergonzosa actuación dos deputados e deputadas do seu grupo no Congreso. Deputados e deputadas que substitúen a súa falta de capacidade de traballo institucional por sesións de circo, que o primeiro día sorprenden, e o segundo, xa coñecidos os trucos, aburren.
 
O momento do anuncio da moción, cando un dos grupos para levala, necesario e imprescindible, o PSOE, está inmerso nun proceso de primarias extremadamente tenso como é sabido, tamén avala a afirmación que a dimisión de Rajoy, consecuencia dunha moción de censura exitosa, é o de menos. 
 
As bases de Podemos xa se teñen pronunciado sobre a ocorrencia, perdón, tal vez para que non se ofenda debería dicir “proposta”, dos seus dirixentes e a teñen refrendado cunha unanimidade que causaría o aplauso de Todor Zhivkov, o semipeterno secretario xeral do Partido Comunista Búlgaro. 
 
E agora  En Marea vai facer o propio coas súas bases, para decidir si os seus deputados apoian a iniciativa, vou ser agora politicamente correcto, de Podemos. 
 
Eu non sei moi ben si sentirme interpelado pola consulta anunciada por Luis Villares, tal vez debería, pero a ocurrencia/proposta de moción, mesmo a propia consulta sobre a mesma, fai que me recorde, e faga miña, unha celebrada intervención no Congreso do deputado Iglesias que resume moi ben o que sinto: “Me la bufa, me la sopla, me la pela, me la trae floja, me la suda...”. 
 
Construír unha alternativa é algo mais que unha permanente sesión de “El club de la comedia” nas institucións. Tal vez sexa o único, pero francamente non votei a En Marea para contemplar unha permanente chirigotada. Señores diputados, señoras diputadas, en Madrid e en Santiago de Compostela…, por favor, escoiten: o Antroido xa pasou…

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.