Por Marisol Soneira | Vimianzo | 20/04/2010
Se un se toma a molestia de repasar tódolos anuncios de puticlubs e demais ofertas de sexo, nas súas múltiples formas, darase conta de dous feitos. O primeiro é que a oferta de carne feminina domina de xeito abrumador; o segundo é que toda a “carne” é de importación e que cando se trata de “produto nacional” destácase como un feito diferencial con expresións tales como “gallega!!!” ou “española!!!”... da a impresión de que o chauvinismo tamén xoga no negocio do sexo. Eu a estes anuncios sempre lles atopei moito parecido cos que aparecían na prensa do Novo Mundo cando se trataba de vender ou mercar escravos. Xa sei que sobre o tema hai un debate que nunca resolvemos. Hai quen cre que se debería prohibir, como en Suecia, ou aqueles que defenden que o exercicio da prostitución fose unha profesión mais con tódalas súas consecuencias.
Debo recoñecer que eu prefiro a solución Sueca que a outra. Por varias razóns. A primeira porque a min sempre me pareceu que os escaparates holandeses que venden carne humana, sempre de muller, téñenme mais parecido cos ultramarinos que venden cachucha polo carnaval, que liberdade sexual. A segunda porque me parece que un millón de anos de evolución da especie non pode ter por finalidade que unha muller se converta no sumideiro dos detritus da sociedade a cambio dunha soldada que nunca da para mercar xabrón abondo. A terceira porque, digan o que digan os que defenden o contrario, é unha actividade mais propia dun réxime escravista, cun pe sempre no lado escuro, que dunha sociedade de seres libres.
A segunda opción, a prostitución como actividade laboral e comercial coma calquera outra, ten implicacións que seguro que lle farán rinchar os dentes a mais de un. Por exemplo: se a profesión de puta é equiparable a calquera outra non teremos reparo algún en agasallar a nosa filla, para reises por exemplo, cun xogo completo de puterío que lle permitan ir descubrindo a súa vocación e, incluso, algún vídeo ilustrativo do enriquecedor e rendible que pode ser tal actividade para a súa formación como ser humano. Tamén podemos fomentar xogos adecuados para que os papás, e mamás, podan presumir do ben que **** a súa cativa igual que se presume do ben que xoga o baloncesto ou o tenis. Quizá, incluso, nos permitamos unha fantasía sobre o futuro económico que podemos acadar se a nena ten talento.
O tratarse dunha profesión coma calquera outra teremos que deseñar programas formativos adecuados xa que a especialización é a raíz do éxito laboral, e así, teremos que establecer unha formación profesional adecuada, e, incluso, licenciaturas con especializacións. As prácticas laborais que contribúan a unha boa formación tamén deberan estar contempladas porque, como vamos a poñer no mercado laboral a traballadores sen haber tomado contacto coa realidade da clientela potencial, como por exemplo seres inseguros e solitarios, borrachos de última hora que andan a procura do valor no fondo dunha mahou cinco estrelas, chulos que nun dubidarán en canxeala por un cabalo de carreiras ou en romperlle as costelas para demostrar quen manda, ou, quizá, someterse os desexos do pai devoto e amantísimo esposo que non se atreve a pedirlle a súa santa as perversións que o atormentan pero as que non pode renunciar.... Tamén, de acordo coa lexislación vixente, constituiranse comités de empresa e negociaranse os convenios colectivos correspondentes, a través dos que estableceremos as condicións en que, por exemplo, a nosa muller, filla ou nai desempeñara a profesión de puta a tempo parcial. E por suposto, regularanse as condicións sanitarias da prestadora do servizo xa que o cliente non debe correr riscos... se o cliente ocasiona danos de saúde terán a condición de risco laboral polo que sería obrigatorio a contratación dun seguro de accidentes e de responsabilidade civil.
Eu xa sei que todo isto pode parecer esaxerado ou que, incluso, poida resultar ofensivo para moitas persoas, pero a realidade é que cando se fala de este mundo nunca se pensa que a puta pode ser esa neniña pola que mataríamos se un miserable se atrevese a mirala con lascivia; ou a esposa a que amamos e respectamos; ou a nai pola que temos devoción. Non. A puta sempre é un anuncio nun periódico ou noutro medio de comunicación, unha estranxeira da que descoñecemos quen a trouxo, quen lle ten secuestrado o pasaporte ou quen a compra e vende como se fose un produto calquera; solo sabemos dela cando vemos unha redada nun club de estrada e descubrimos que, incluso, foi adxudicada, o chou, en algún alpendre, ou se trocou por un cabalo de carreiras nunha partida de cartas entre chulos.
Por se alguén dubida de que os anuncios de contactos da prensa diaria e os anuncios de venta de escravos da prensa de antano non parecen ter relación, recoméndolle que lle vote un ollo a estes anuncios dun xornal de Montevideo do século XIX:
http://www.uruguayeduca.edu.uy/UserFiles/P0001/Image/Esclavitud%20en%20Uruguay.jpg