O Concello de Carballo decreta dous días de loito polo policía morto en atropelo e personarase na causa

O control estaba "perfectamente sinalizado" nunha recta "con amplísima visibilidade" e o alcalde atribúe o sinistro a unha "absoluta neglixencia" do condutor

| 20/05/2017 | Actualizada ás 14:10 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O Concello de Carballo (A Coruña) decretou dous días de loito polo policía local de 50 anos, José Luís Garea --natural de Cerceda, onde será enterrado--, falecido ao ser atropelado nun control de alcoholemia, mentres que o consistorio se personará xudicialmente na causa contra o condutor detido por este sinistro.

En declaracións aos medios este sábado, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, informou de que o Concello decidiu personarse "en defensa dos intereses da familia do policía falecido e da honra de toda a Policía Local e traballadores municipais".

Este sábado a corporación convocou un pleno extraordinario e urxente na que mostrará a súa condena pola morte do policía local atropelado por un condutor que deu positivo en alcoholemia sobre as 5,15 horas da madrugada.

O rexedor explicou que o control estaba "perfectamente sinalizado", coas "luces acesas nunha recta con amplísima visibilidade", polo que "non ha lugar a ningunha interpretación que non sexa que por unha absoluta neglixencia por parte do condutor se cometese este tráxico accidente". "Despois dirán os xuíces se ten ou non consecuencias penais, espero que si", agregou.

TERCEIRA ALCOHOLEMIA

Pola súa banda, o xefe da Policía Local de Carballo, Roberto Mosquera, detallou que o control o levaban a cabo dúas patrullas con catro policías, despois de que o posto da Garda Civil pedise apoio pola celebración dunha verbena en Berdillo.

Mosquera indica que o condutor "levou por diante" ao seu compañeiro, que "faleceu no acto". De feito, un segundo policía "tivo que saltar para non ser arroiado".

Así mesmo, destacou que sobre o detido constan polo menos tres positivos por alcoholemia, un deles detectado pola Policía Local na rúa Fomento de Carballo en 2015.

Finalmente, o xefe da Policía Local de Carballo lamentou a "mala sorte" deste axente ao morrer realizando o seu traballo. "Levo aquí 35 anos e xamais ocorreu unha cousa como esta", afirma.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta