Por E.P. | VIGO | 22/05/2017 | Actualizada ás 15:50
A Xunta iniciou os trámites de candidatura para que o Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas sexa recoñecido pola Unesco como Patrimonio da Humanidade, para o que remitiu ao Ministerio de Cultura un informe técnico no que xustifica que esta contorna natural reúne as características necesarias para ser distinguido con este título.
Así o comunicaron este luns en Vigo a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, que admitiron que este é "o primeiro paso dun camiño longo e tremendamente competitivo", que estiman que pode concluír dentro de "cinco ou seis anos".
Mato destacou que as Illas Atlánticas reúnen as características para ser Patrimonio da Humanidade dentro da categoría de Ben Natural --se o consegue será o primeiro ben natural galego incluído nesta lista--, posto que só fai falta que cumpra un dos 10 criterios posibles para que consiga este recoñecemento, e o parque galego cumpre catro.
En concreto, sinalou que ten áreas de excepcional beleza natural e importancia estética; é un exemplo representativo de importantes etapas da historia da terra; é un dos exemplos eminentes de procesos ecolóxicos e biolóxicos no curso da evolución dos ecosistemas; e ten hábitats naturais representativos e importantes para a conservación da biodiversidade.
Rodríguez explicou que, despois de que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural remitise o informe ao Ministerio de Cultura o pasado 10 de maio, espera que entre setembro e outubro a candidatura sexa incluída na Lista Indicativa de Patrimonio Mundial da Unesco, que é un paso previo a elevalo á Unesco. "Temos plena confianza de que será incluída", manifestou.
CAMPAÑA DE CABALLERO
Preguntados pola campaña iniciada polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, para que as Illas Cíes sexan declaradas Patrimonio da Humanidade, os conselleiros aseguraron que "non existe ningunha proposta formal" nin presentou "un só documento", máis aló de manifestar esta vontade a través dos medios de comunicación.
"Queda un longo camiño, imos competir cos mellores, e para correr o maratón hai que estar preparado", apuntou Mato, que incidiu en que "o que fixo a Xunta é prepararse, e non simplemente dicir que quere correr o maratón".
A iso, Rodríguez engadiu que Cíes se atopa "nunha unidade máis ampla" como son as Illas Atlánticas, coas que "o seu valor se reforza".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.