SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2017 | Actualizada ás 18:06 por EUROPA PRESS
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra reservou sala durante toda a semana para o xuízo por tráfico de drogas e pertenza a organización delituosa contra Rafael Bugallo, alias 'O Mulo', e a súa banda, cuxas defensas pediron a nulidade das gravacións do Servicio de Vigilancia Aduanera (SVA).
No banco dos acusados tiñan que sentar 14 persoas pero un dos procesados non acudiu, polo que o tribunal deduciralle testemuño e xulgaráselle cando apareza.
Do mesmo xeito que o resto dos seus compañeiros, todos están acusados de formar parte dunha organización criminal, a coñecida como a banda de 'O Mulo' que, segundo o fiscal, tiña como finalidade a introdución de droga no territorio español por vía marítima. As autoridades puideron recuperar máis de 3.500 quilos de cocaína en agosto de 2008.
A Fiscalía pide penas entre os 15 e os 17 anos de prisión, un total de 214 anos entre todos e 22,9 millóns de euros de responsabilidade civil por un delito contra a saúde pública referido a sustancias que causan grave dano á saúde, en cantidade de extrema gravidade, cometido mediante a utilización de buque e no seo dunha organización delituosa dedicada ao narcotráfico, así como un delito de pertenza a organización criminal.
Como é habitual neste tipo de xuízos por narcotráfico, os avogados das defensas pediron a nulidade das gravacións das comunicacións telefónicas realizadas polo Servicio de Vigilancia Aduanera. Os letrados tentaron tombar a instrución, que cualifican de "chapuza". Precisamente as comunicacións foron clave nesta operación.
NEGOCIACIÓN DO TRANSPORTE
No escrito de acusación da Fiscalía relátase como os acusados esperaban que a droga chegase nunha planadora para o día 14 de agosto aínda que, debido a un erro nas comunicacións, non puideron decatarse de que esta chegaría realmente o día 15.
Así, a lancha acabou fondeada na zona de Cabo Silleiro e a embarcación, varada e queimada na praia da Lanzada para tentar ocultar todas as probas posibles. Un nome destaca entre eles, o de Rafael Bugallo, coñecido como 'O Mulo', considerado o líder da organización.
Supostamente el era quen negociaba directamente o transporte de cocaína cos grupos provedores suramericanos e encargábase de construír e equipar lanchas rápidas en dúas naves de Cambados.
A Fiscalía Antidroga solicita para 'O Mulo' 17 anos de prisión e a prohibición do desempeño de calquera actividade realizada coa navegación, tanto a nivel lúdico como profesional, durante 15 anos despois de saír de prisión.
'RATONERO'
O outro gran protagonista entre os que sentan no banco é José Luís Devesa, o patrón grovense do 'Ratonero', encargado, segundo a Fiscalía, de fornecer en altamar combustible ás lanchas rápidas. Dáse a circunstancia de que Devesa foi recentemente condenado a 12 anos de prisión por outro alixo de 2.200 quilogramos de cocaína, localizado no seu barco en 2012.
Para o patrón do 'Ratonero', a Fiscalía reclama 11 anos por un suposto delito contra a saúde pública e catro por pertenza a organización criminal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.