Feijóo, "el desaparecido" en Madrid

O presidente galego defende a súa política ante unha oposición que o acusa de ser "sumiso" a Madrid. Os portavoces de En Marea, PSdeG e BNG acúsano dun comportamento "manso" ante Rajoy.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 07/06/2017 | Actualizada ás 13:07

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu a política do seu Goberno en Galicia e a lexitimidade que lle achegan os votos dos galegos nas eleccións fronte a unha oposición que coincidiu en atribuírlle falta de "peso político" ante Madrid.

O presidente da Xunta no pleno do Parlamento.
O presidente da Xunta no pleno do Parlamento. | Fonte: Europa Press

"Reescribiu a famosa canción 'El desaparecido' de Manu Chao. Así é como ten vostede a Galicia", espeteille a portavoz do BNG na Cámara, Ana Pontón, ao principio da sesión de control do pleno do Parlamento.

A continuación, o portavoz do PSdeG no Pazo do Hórreo, Xoaquín Fernández Leiceaga, recriminoulle que "nin xestión, nin peso político", ademais de valorar que "Rajoy lle castigou" e agora é o propio Feijóo o que, a xuízo do socialista, "está a castigar a toda Galicia".

Na súa quenda, o portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, preguntoulle se o que lle preocupan son os recortes en materia de investimento "ou que non lle recorten en Madrid a súa cabeza".

"DESAPARECIDO ESTÁ O BNG"

Núñez Feijóo replicou á líder nacionalista que "desaparecido está o BNG das Cortes Xerais e de todas as cidades galegas", así como "na maioría das institucións", ante o que recibiu críticas desde as bancadas do Bloque, que exclamaron o seu reproche por este "nivelón".

Na súa primeira intervención, Pontón puxo exemplos como o debate do AVE, o do financiamento e a AP-9 para ilustrar as súas reproches e, xa na segunda, afeou aos 12 deputados do PP galego no Congreso "que no canto de defender a Galicia defenden os intereses do carné do Partido Popular".

A Feijóo acusouno de "nin unha soa vez" nos últimos anos alzar "a voz fronte a agravios continuos" do Goberno estatal. "Está desaparecido", insistiu.

Pola súa banda, o xefe do Executivo ironizou sobre "como será que o pobo --galego-- se confunde sempre", polos resultados electorais. "Outorga 12 ao PP e ao BNG ningún", engadiu, antes de incidir ene que "será que o pobo galego non é culto".

"RECUPERE A COHERENCIA"

Mentres, Leiceaga avisou a Feijóo de que "a súa responsabilidade" é, na súa opinión, non presentar un balance "nin" de "xestión" nin de "peso político". Este respondeulle con referencias á xestión do Goberno bipartito, no relativo á política de solo industrial --sobre o que versaba a pregunta do portavoz do PSdeG no Parlamento galego--.

Ademais, Feijóo díxolle que as "últimas actuacións súas no Parlamento cualifícanse por si soas". "Espero e desexo que recupere vostede a coherencia", destacou, en alusión velada ao posicionamento do PSOE galego respecto da creación dunha comisión de investigación sobre o accidente de Angrois e outra acerca dos contratos co grupo Villar Mir.

"LEVANTE A CABEZA"

O enfrontamento seguiu co portavoz de En Marea na Cámara, Luís Villares, quen interrogou a Feijóo sobre se "mantén" a "afirmación" de campaña relativa a que Galicia é unha "prioridade" para o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy.

"Onde ten a cabeza e, sobre todo, onde ten o corazón?", remarcou Villares, tras denunciar datos sobre pensións na comunidade galega, entre outros. "Que lle fixo vostede a Rajoy para que lle trate así", remachou a súa intervención.

Pola súa banda, Feijóo mostrouse "tranquilo" con respecto á súa cabeza, e chanceou con que "ás veces o inconsciente traizoa". "Non se se vostede está preocupado pola súa", espetoulle a Villares. "Mentres os galegos sigan votando, non teño ningún problema pola miña cabeza", agregou.

Así, o líder dos populares galegos reprobou a Villares e a "as mareas" que convertan "o Parlamento nun circo", con "cada día unha función". "Hoxe toca a das cabezas", sinalou, antes de acusar a En Marea de "confundir, manipular e dicir que desde que chegou Rajoy os pensionistas cobran menos".

"Para manter a súa cabeza, é incompatible ser rigoroso", díxolle a un Villares, que, na réplica, pediulle que "non perda os papeis" ao velo "algo nervioso". Deste xeito, o portavoz de En Marea falou de "submisión" e "covardía", ademais de "silencio", por parte do líder do PPdeG e presidente da Xunta.

Ademais, censurou que se dedique a "insidiar" o seu "labor como maxistrado", e reiterou que mentres el se "rodeaba de leis", Feijóo, dixo, era "paseante en iate con ilustres narcotraficantes". "Se non ten problemas de cabeza, levántea e defenda aos autónomos. Pero, sobre todo, aos pensionistas", aseverou o portavoz do partido instrumental, que terminou culpándoo dun comportamento "manso" ante os ditados de Rajoy.

VENEZUELA E OKUPAS

Neste extremo, Feijóo finalizou recalcando que os populares levantan a cabeza "para defender aos galegos en Venezuela" e as súas pensións, en referencia ao debate sobre este asunto que se deu no anterior pleno.

Nesta liña, trouxo a colación os recentes disturbios en Santiago tras o desaloxo dun local okupado para criticar a Villares que "se algunha vez foi maxistrado está en contra do estado de dereito".

"Nós levantamos as cabezas polos funcionarios que cumpren as sentenzas. Levantamos a cabeza e levantamos a man en contra de agredir a funcionarios da policía por cumprir unha sentenza dun xuíz e repor o dereito constitucional", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 LLoly medallitas a la virgen

Quen non anda desaparecida por Madrid é a pampololos da marea podemita. Pijita españolita que non vos perde unha festa en Chueca e vai de compras os domingos ao Ikea. Pobre Galicia, en máns de que tropa quedou.

1 O que queda do Bng

Misoxinia identitaria bloqueira en estado puro. Cánto odio poden gardar estes resentidos.

1 Ecuánime

Se se quere facer xornalismo honesto, deberíades falar tamén do discurso entrecortado e saltarín de Villares e desa voceciña nerviosa que lle sae. Tampouco estaría mal sinalardes que Feijóo lle lembrou o voto negativo da senadora de En Marea à proposta do senador do PSdG para mellorar as infraestruturas galegas.

1 comunista independentista

O programa de En Marea prioriza unha Rede Galega de Cercanías -necesaria para a maioría- antes que un tren elitista coma o AVE. A senadora da unidade popular votou en consecuencia e votou ben. Seguide enmerdando, que é o único que vos queda xa á blocallada.