Alertan que hai alumnos forzados a cursar Relixión se tamén queren estudar Tecnoloxía e Robótica

Cando Galicia Confidencial se fixo eco da queixa dos pais deste instituto de Ames de que “se queres aprender estatística, tes que cursar relixión”, chegaron a esta redacción varias denuncias no mesmo sentido. Pais e profesores anoxados porque din que os itinerarios de Bacharelato obrigan aos alumnos que opten por determinada combinación de materias a cursar Relixión Católica.

Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 22/06/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Se cadra a queixa máis importante é a remitida por Eva María Brañas, profesora do Departamento de Tecnoloxía do IES Campo de San Alberto Noia. A mestra denuncia que os alumnos de primeiro de Bacharelato que querían cursar Tecnoloxía Industrial (3 horas) e Robótica (2 horas) non lles quedou outra que completar as 6 horas obrigatorias coa única materia de 1 hora posible, Relixión Católica. 

Docentes formándose en Robótica no CAFI, o centro de formación para o profesorado da Xunta
Docentes formándose en Robótica no CAFI, o centro de formación para o profesorado da Xunta | Fonte: edu.xunta.gal

UN PROBLEMA QUE NON É SÓ DUN CENTRO 

Esta denuncia é a máis grave porque, segundo a citada docente, non é un problema particular dese centro, como podía ser o caso de Ames. Polo contario, Brañas asegura, enarborando as normas legais, que isto afecta a todos os ensinos de secundaria de Galicia. 

De feito, explica que contactou con outros 60 profesores doutros institutos dispostos a dar Robótica e que todos lle confirmaron o mesmo. É dicir, que só había dúas opcións: que os rapaces que escolleran Tecnoloxía e máis Robótica apandaran, quixeran ou non, con Relixión; ou desistir e non incluír a opcional de libre configuracioń autonómica Robótica entre as materias ofertadas.

Brañas explica que ela finalmente optou por esta última opción, non ofertar Robótica, malia levar varios anos preparándose e ser unha das materias nas que a Xunta está a facer máis énfase.

RESPOSTA DA XUNTA

GC preguntou por este dilema á Consellería de Educación. A Xunta insiste en que ningún alumno está obrigado a cursar Relixión en caso algún, aínda que admite que, en función das materias que ofreza cada centro, o dilema descrito por Brañas podería chegar a darse en teoría. Voceiros oficiais din tamén que polo de agora non teñen ningunha queixa oficial sobre esta cuestión.

A Administración Autonómica alega ademais que é a normativa Estatal -a polémica LOMCE- a que establece que Relixión sexa unha das materias “específicas de opción” e que teña un peso mínimo dunha hora.  A Xunta di que, malia poder telo feito como di fixeron outras autonomías, non ampliou o horario de Relixión a varias horas á semana.

O núcleo do problema está en que a LOMCE obriga a encher 6 horas de optativas. Nesas 6 horas, os alumnos deben cursar polo menos dúas  materias da categoría “específicas”.  A LOMCE sitúa a Relixión como única materia “específica” de 1 hora.

Se un alumno escolle unha materia “específica”  de 3 horas -como Tecnoloxía- e quere complementala cunha de libre configuración autonómica opcional, pero que cadra nos seus intereses, de 2 horas -como Robótica-, terá que escoller outra “específica” de 1 hora … e polo que parece ante as queixas recibidas nesta redacción nalgúns institutos a única materia “específica” de 1 hora dispoñible é Relixión Católica.

A Xunta responde a esta cuestión argumentando que dentro da autonomía dos centros está, por exemplo, “aumentar nunha hora outra materia mediante un reforzo”, co que tamén habería outra maneira de sumar 6 horas sen recorrer a Relixión.  Tamén di que os alumnos deben xogar coas múltiples opcións dispoñíbeis para configurar o seu curriculum, e que poden facelo perfectamente sen cursar Relixión se non queren.

“Hai moitos centros que ofrecen unha hora de reforzo de matemáticas ou de inglés”, hora a maiores que sería válida para as citadas 6 horas obrigatorias, argumentan a Xunta antes de insistir que o sistema de itinerarios “non está deseñeado para a obrigatoriedade de relixión, todo o contrario”.

En todo caso, se algún alumno considera que estase limitando a súa liberdade de cursar relixión ou non, Educación  recomenda que o poña en coñecemento formal da inspección educativa. A  docente citada nesta información alega que falou co seu Inspector para describirlle o problema. 

A LOMCE, RAÍZ DO PROBLEMA

Cómpre lembra que segundo a LOMCE a Relixión conta para facer a media das notas. Esta media é un dos condicionantes para a elección posterior de carreira universitaria. Con todo, no Congreso estase a negociar unha nova Lei Educativa e está por ver se a Relixión mantén os seus actual status nas aulas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 13 comentarios

3 Arturo

Son os problemas de tomar caña pola mañá, que logo os comentarios saen desbarrantes e cheos de maiúsculas.

2 Sesees

Relixion católica? Vade retro Satanás. Así está occidente

1 priscilianista

e os que son budistas de Gautama tamen teñen que estudira o catolicismo???? fora a relixión das escolas, a relixión nos estados unidos se ensina nas eirexas quen quera ir a elas claro... xa basta de merda, eu detodolos xeitos dirialle o profesor que un 10 e que non lle ia ir a clases... ou sinon o ia a convertir nun mártir... e mellor ensinar o esconxuro da queimada co pater noster, muito e cousa xudaica e cheira mal, cheira a represión sexual, a presbiteriana pederastia sacramental, isto pode dexeneral en I$i$ en sharia ... o pepeiro meteu a sharia católica na Galiza! ademáis o catolicismo non e cristianismo sinon papismo teñen un rei no vaticano "a chamada fruta babilónica" incluso a mitra papal e obispal ven do culto o deus Dagon POR ISO SE DI BEN CLARIÑO CO PAPA E A -frUTA DE BABILONIA!- galiza debe ter un.ha relixión cristia propia