Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/06/2017 | Actualizada ás 17:52
Os lumes forestais son a principal ameaza para o desenvolvemento, rendibilidade e sustentabilidade das superficies forestais lusas. Así se constata na tese de doutoramento que vén de presentar na Facultade de Ciencias da Educación María da Conceiçâo Almeida Colaço baixo o título 'Bases para unha educación ambiental orientada cara a diminución do risco e o aumento da resilencia das comunidades aos incendios forestais en Portugal'. Uns ricos que atribúe á permanente elección de especies de ciclo curto como o eucalipto.
A orixe intencionada de boa parte dos incendios, ben por “accións criminais” o por “uso neglixente do lume” é outro dos aspectos que salienta esta investigadora como argumento que xustifica a utilidade dunha mellor educación ambiental da sociedade como mecanismo de prevención.
Neste senso, e logo de estudar o comportamento e a diferente percepción de risco sobre os incendios forestais de grupos de poboación vítimas de lumes, Almeida Colaço defende a necesidade de potenciar as accións educativas orientadas a este fin, pero tamén orientar este tipo de iniciativas cara outros grupos de poboación de áreas rurais. A implicación dos técnicos forestais como mediadores entre as situacións de risco por incendios, a xestión técnica forestal e a sensibilización da sociedade lusa.
Educación
Por iso, esta investigadora defende na súa tese de doutoramento unha maior aposta pola prevención para minimizar a pegada dos lumes, así como as perdas económicas e os dano ambiental que producen.
Esta investigación de doutoramento pon de manifesto a necesidade de acadar un maior equilibrio entre as tarefas de prevención e as tarefas de loita ou extinción de lumes forestais, pero non só en termos de inversión ou financiamento, senón tamén en aspectos máis ligados á educación ambiental, sensibilización e visibilidade social e valoración ou estratexia política. A tese foi dirixida polo profesor de Educación Ambiental na USC Pablo Ángel Meira Cartea e por Manuel Cardoso Castro Rego, docente da Universidade de Lisboa, e está encadrada dentro da produción científica desenvolvida polo Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (Sepa) da USC.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.