Buscan recuperar a uva galega Tinta Castañal, en perigo de extinción e única no mundo

Viñas e Terras do Pazo pon en marcha un grupo operativo no que colaboran a Universidade de Santiago, o Centro Tecnolóxico da Carne e Grupo Eco3g Consultores para a recuperación desta variedade tradicional do Baixo Miño.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/06/2017 | Actualizada ás 11:21

Comparte esta noticia

A empresa Viñas e Terras do Pazo vén de conformar un grupo operativo do que tamén forman parte, entre outros, investigadores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), para a recuperación da variedade  de uva Tinta Castañal en Galicia, unha variedade minoritaria da comarca do Baixo Miño en perigo de desaparición, informa a USC.

Variedade de uva Tinta Castañal
Variedade de uva Tinta Castañal | Fonte: CSIC.

Viñas e Terras do Pazo, con sede nos concellos pontevedreses de Tomiño e O Rosal, ten como actividade principal a produción de uva nas súas plantacións en Goián, concello de Tomiño e en Eiras, concello do Rosal. No marco da súa actividade, esta empresa lidera un grupo operativo do que tamén forman parte os investigadores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na Escola Politécnica Superior do Campus Terra Javier J. Cancela e Xesús Pablo González, ademais do Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), en calidade de centro de investigación, e Grupo Eco3g Consultores, como axente de innovación.

O obxectivo principal do grupo operativo posto en marcha e liderado por Viñas e Terras do Pazo é a recuperación da variedade de uva Tinta Castañal, mediante un cultivo sustentable, que permita a elaboración dun viño tinto diferenciado e de alta calidade.

VARIEDADE TRADICIONAL DO BAIXO MIÑO

A variedade Tinta Castañal é unha variedade tradicional da comarca do Baixo Miño e única no mundo. Trátase dunha variedade minoritaria (existen poucas cepas plantadas) que sofre o perigo de chegar á extinción.  Esta variedade non aparece na lista de variedades comerciais e portainxertos de vide. Daquela, tampouco está amparada dentro de ningunha das denominacións de orixe galegas, xa que para que se poida recoller dentro dunha denominación de orixe é necesario que apareza inscrita como definitiva, na lista anteriormente mencionada.

A posta en marcha deste grupo operativo específico pretende servir de acicate para desenvolver un proxecto que posibilite realizar a caracterización e analizar o rendemento agronómico e o comportamento en condicións de campo desta variedade minoritaria. Analizar o rendemento e a calidade de Vitis Vinifera cv Castañal baixo un sistema de produción sustentable, proceder á caracterización cualitativa dos compostos e aromáticos en condicións de campo, e a preparación de viño monovarietal para a súa venda como produto singular de alto valor engadido, derivado das particularidades/escaseza/potencial da variedade, constitúen os propósitos dos promotores deste grupo operativo orientado á recuperación e posta en valor da variedade de uva Tinta Castañal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta