Por gcdeportes | Lugo | 27/07/2017 | Actualizada ás 08:51
O base Christian Díaz xogará os vindeiros derbis do Miño no rival do norte. O CB Breogán e o xogador canario, de 25 anos e 1,85, chegaron a un acordo e Christian Díaz, ex de Ourense, completará a parella de bases do equipo lucense xunto con Ricardo Úriz. “Sentimentalmente no es una decisión fácil, pero tengo que mirar lo que sea mejor para mí, que es aspirar a un ascenso, y eso Breogán me lo da”, recoñece o base.
Christian Díaz, nado nas Palmas de Gran Canaria (23 –marzo-1992), coñece ben a categoría xa que defendeu as cores de Gran Canaria (2010-13), Navarra (2013-14), Peñas Huesca (2015-16) ou o COB en dúas tempadas: a 2014/15, na que o equipo ourensán impuxérase no quinto partido dunha inesquecible final polo ascenso ao propio Breo, e a pasada16/17, na que foi un dos xogadores máis destacados do conxunto de Gonzalo García de Vitoria, promediando 10,5 puntos, 2,7 rebotes e 4,2 asistencias en 27 minutos por partido. O técnico do COB, gran valedor do canario, foi un dos primeiros que felicitou a Díaz nas redes sociais pola súa fichaxe: “A seguir creciendo, ojalá tengas una gran temporada”.
Segundo o propio CB Breogán, Christian Díaz destaca “pola súa velocidade no xogo, pola capacidade para marcar o ritmo dos encontros e polo poder de anotación”, con case un 40% de acerto (38,8%) nos tiros de 3 puntos na pasada liga regular. No seu crecemento como xogador ano tras ano, o pasado curso foi peza clave para a clasificación do COB para os play-offs de ascenso.
Christian Díaz completa a parella de bases do Breogán e repartirá os minutos na dirección de xogo xunto con experimentado Ricardo Úriz, de 37 anos, que o ano pasado acadou o ascenso á ACB con Gipuzkoa Basket. “Una pareja muy completa. Las carencias que tengo yo, las da el. Controla el tempo del partido y la toma de decisiones, cosa que quizá a mí me falta a veces”, apuntou Díaz na Radio Galega sobre o seu compañeiro.
Co base canario, son xa catro os xogadores cos que conta o Cafés Candelas Breogán para a vindeira campaña: Ricardo Úriz e Christian Díaz como bases; o escolta lucense Sergi Quintela e o pivote estadounidense Matt Stainbrook. Natxo Lezcano falou ao final da campaña pasada, trala súa renovación, de manter ata cinco ou seis xogadores, e aí poderían chegar as renovacións de Salva Arco ou Michael Fakuade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.