Por Walter Burns | O Irixo | 09/09/2010 | Actualizada ás 02:45
Os colectivos contrarios á normalización do galego preparan unha ofensiva xurídica contra os profesores que, malia o chamado polo Goberno 'decreto do plurilingüismo' e 'decretazo' pola oposición, impartan as súas clases no idioma propio cando a nova norma fixe que se deben dar en castelán.
Un novo actor nesta polémica é a Asociación Nacional por la Libertad Lingüística (ANLL). Este colectivo, con actividade até o de agora sobre todo no Levante español, ameaza con “levar aos tribunais” a quen “non repecte as horas do castelán”. O seu presidente Pablo Yañez critica por “insuficiente” o "decreto do Plurilingüismo" aprobado pola Xunta do PPdeG, que reduce o mínimo de horas en galego.
Yañez cualifica de “ameazas” as informacións da CIG ensino, que apuntaba que a Xunta non pode sancionar aos mestres que usen o galego en horas fixadas en castelán. Louzao "fala de guerra e cruzadas dende a ameaza totalitaria que marcou a etapa lingüística do bipartito", sinala esta persoa. Polas súas declaracións nesta entrevista con César Vidal, Yañez está próximo ao nacionalismo español de ultradereita:
A Fundación Galicia Bilingüe contra "el adoctrinamiento nacionalista en la enseñanza"
Con todo, Galicia Bilingüe será sen dúbida o colectivo contrario a normalización máis activo na fiscalización dos profesores. A asociación que preside Gloria Lago organizou a súa terceira asemblea a finais de agosto.
“Haremos un seguimiento de la aplicación del nuevo Decreto” e "lucharemos contra el adoctrinamiento nacionalista en la enseñanza” foron dúas das súas conclusións.
Así e todo, a maior sorpresa da asemblea de Galicia Bilingüe é o anuncio da constitución dunha fundación.
“Para poder darle una nueva dimensión a nuestra labor, en la tercera asamblea de Galicia Bilingüe hemos propuesto, y así ha sido aprobada, la solicitud del reconocimiento de Galicia Bilingüe como entidad de utilidad pública y el permiso para la utilización del nombre de nuestra asociación para la futura creación de una fundación, si ello fuera conveniente”, proclama Gloria Lago.
Cómpre ter en conta que as relacións entre Lago e o PPdeG non atravesan o seu mellor momento. Os conservadores utilizaron a GB para derrubar o bipartito, pero agora ven no seu antigo 'matrimonio' con Lago como unha amizade perigosa, que a oposición pode utilizar para arrebatarlle apoios, sobre todo no rural nas vindeiras eleccións municipais.
Por iso é probábel que a billa das subvencións a GB dende as administracións públicas que controla o PP, por exemplo a Deputación de Pontevedra, diminúa. Isto obrigaría a Lago a buscar novas vías de financiamento a través dunha fundación que financie a súa destacada presencia nos medios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.