Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 05/08/2017 | Actualizada ás 09:00
O Manifesto de Laxe, artellado pola Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo, é un documento que "recolle o rexeitamento de cidadanía dos municipios de Laxe e Cabana de Bergantiños aos parques eólicos de Pena Forcada-Catasol II e Mouriños", proxectos previstos para estes municipios por parte da Consellería de Economía e Industria da Xunta. O documento preséntase este sábado, 5 de agosto, nunha lectura pública ás 11:30 horas, diante do Concello de Laxe (A Coruña).
Os asinantes fan un chamamento á cidadanía —tanto afectados por estes plans eólicos como calquera persoa interesada— a asistir e asinar o manifesto, que será remitido á Xunta de Galicia.
O Manifesto de Laxe, promovido por varias asociacións da comarca de Bergantiños recolle a necesidade de:
1. Antes da autorización dos citados proxectos, cómpre a revisión do plan sectorial eólico co fin de que precise máis a delimitación das áreas de aproveitamento eólico, tendo en conta criterios paisaxísticos na planificación das mesmas (non contemplados no plan eólico actual), tal e como indica o documento das Directrices da Paisaxe de Galicia.
2. Antes da autorización dos citados proxectos, é necesario esgotar outras alternativas máis viables como a repotenciación dos parques existentes máis antigos), tal e como indica o documento das Directrices da Paisaxe de Galicia.
3. Antes da autorización dos citados proxectos, é necesario respetar a vontade da cidadanía afectada polos proxectos indicados e que decide neste caso, pola prevalencia do dereito á paisaxe e a calidade paisaxística das súas costas e pola preservación dunha paisaxe, que constitúe a fonte dunha economía baseada no turismo sustentable. Por outra banda, os parques eólicos galegos acaban anualmente coa vida de ata dous millóns de aves e morcegos anuais.
Con carácter previo á lectura deste manifesto, as sete asociacións da comarca asinantes analizan este sábado coa eurodeputada Lidia Senra o contido da defensa da petición conxunta que sobre do TTIP (Tratado Transatlántico de Comercio e Inversións entre a UE e EEUU) realizaron no ano 2015 ante o Parlamento europeo, e que será examinada na Comisión parlamentaria o vindeiro 7 de setembro en Bruxelas.
As entidades promotoras da petición ante a UE son: Asoc. ambiental e cultural Petón do Lobo, Asoc. ambiental Contramínate de Laxe, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Asoc. galega Cova Crea. Asoc. amigos e amigas dos bosques “O Ouriol do Anllóns”, Asoc. de veciños de Cereo, Asoc. veciñal, cultural e deportiva “Río Lourido” de Valenza.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.