Por Manuel Vilas | A Coruña | 10/08/2017 | Actualizada ás 11:22
Así, en Compostela o Concello reduciu a súa colaboración -non lle deu a subvención doutros anos- coa tradicional Feira da Alameda, argumentando que as librarías de Compostela a penas participaban descontentas co seu modelo. Unha editora local, Urco, chegou a cualificar o modelo da Federación de “decimonónico, opaco e caciquil” e dixo que esta entidade “non representa a ninguén”.
A Administración local de Santiago montou este ano unha feira para as librarías e editoriais locais na Praza da Quintana, a semana do libro, a SELIC, que tivo boa acollida entre público e negocios.
TRES PROGRAMAS PARALELOS NA CORUÑA
Na Coruña, onde se está a celebrar estes días a súa Feira, o Concello apoiou aos libreiros locais para crear unha programación anexa, na “Carpa das Librarías”, paralela á da Federación. Ademais, montou unha programación propia especializada nos máis cativos, o “Xardín dos libros”.
Ao igual que en Santiago, o municipio argumenta que os axentes locais non estaban contentos coa tradicional Feira. Así, o concelleiro de Culturas do Concello da Coruña, José Manuel Sande, xustificou que se abrise "un proceso participativo con libreiros da cidade" ante á "desconformidade por como se executaba estes últimos anos por parte da Federación a feira".
Na súa opinión, o modelo xestionado pola Federación está “esgotado” polo que se aumentou o investimento, por exemplo programando un espazo infantil integramente en galego.
A libreira herculina, Ermitas Valencia, explica en Sermos que "desde finais do ano pasado viñámonos reunindo un grupo bastante amplo de librarías da Coruña nas que todo o mundo avaliaba negativamente a feira do libro que se facía sempre e na que a maioría de nós non participabamos porque non nos convencía o funcionamento".
Ese descontento concretouse na organización dunha programación propia apoiada polo Concello. Federación de Libreiros e municipio cúlpanse mutuamente de descordinación nas programacións.
Funcionou o modelo de varias programacións ao mesmo tempo? Está por ver a valoración final no que máis importa, a afluencia de público e vendas. O que é evidente xa é que xerou opinións encontradas.
O PRESIDENTE DOS EDITORES, CRÍTICO CO CONCELLO E A FEDERACIÓN
Manuel Bragado, presidente dos editores galegos, fixo público o seu “descontento”. O tamén responsábel de xerais aplaude que o Concello invista máis e dea espazo propio aos negocios locais; pero tíralle das orellas á Administración porque “creo a todas luces fóra de lugar é preparar nunha mesma feira dous programas distintos de actividades e arranxar dous espazos (a lata e a carpa) con moi diferente dotación de medios e comodidades, tanto para os oradores como para o público”. Bragado tamén é crítico co modelo de feiras da Federación de Librerías e pide a súa refundación coa colaboración de todos os axentes.
Son varios os escritores galegos que usaron as redes sociais e as súas bitácoras para mostrar o seu descontento co modelo deste ano na Coruña, ao que acusan de restar protagonismo á produción do país.
A Federación de Libreiros recibe anualmente unha subvención da Xunta de Galicia para as feiras que monta en diversas vilas e localidades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.